Notas de prensa

Manuel Fraga recoñece aos premiados como modelos a seguir na actividade agraria

O presidente da Xunta entregou no Hostal dos Reis Católicos os IV Premios Agrarios de Galicia 2005.

O presidente da Xunta, Manuel Fraga entregou en Santiago os IV Premios Agrarios de Galicia 2005 co obxectivo de “recoñecer a labor de todas aquelas persoas que co seu traballo contribúen día a día ao desenvolvemento do sector agroalimentario”, afirmou o mandatario galego. No acto tamén participou o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Xosé Antonio Santiso Miramontes.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, concede estes galardóns como recoñecemento a todas aquelas persoas que contan con “iniciativas e ideas que logran aproveitar os magníficos recursos dos que dispón a nosa Comunidade, e que forman parte intrínseca do seu patrimonio”, sinalou Manuel Fraga.

O presidente da Xunta recalou na importancia que o sector agrario ten na economía de Galicia e resaltou que “precisa do traballo de todos aqueles que busquen recuperar a concepción que o noso rural ten de núcleo xerador de calidade de vida, priorizando proxectos de desenvolvemento que ofrezan posibilidades de modernización e viabilidade económica e ambiental”.

Manuel Fraga fixo unha especial mención á empresa Coren, que conta no seu haber con granxas avícolas, cunículas, de vacún e de porcino e a Jesús García Calvo, fundador de FEIRACO, presidente de UTECO Coruña, presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e comendador da Orde do Mérito Civil Agrícola.

O mandatario galego fixo entrega aos premiados dunha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano e felicitou aos galardoados “pola súa función de modelos a seguir para a actividade agraria e polo seu esforzo a prol do avance do mundo rural e de Galicia no seu conxunto”.

GALARDOADOS

Na presente edición dos Premios Agrarios de Galicia resultou galardoado, pola súa labor informativa e divulgativa, Anxo Vázquez Pernas, que traballou en diferentes programas dedicados ao mundo da agricultura entre os que destacan O Agro, A Terra ou Labranza. Tamén mereceron este recoñecemento Teresa Moreno López polo seu traballo de investigación; Esther Teijeiro Lemos que, cunha ampla carreira no mundo vinícola e como pioneira na instalación da primeira adega comercial da Ribeira Sacra, recibiu o premio na modalidade de muller rural emprendedora; e Eladio Rigueira Sobrado, que conta cunha explotación gandeira de 180 cabezas de gando que produce 335.000 quilos de cota láctea, dispón dunha queixería onde se fabrican tres tipos diferentes de queixos –dous deles con Denominación de Orixe– e que mereceu premio na modalidade de iniciativa de agricultor novo.

Pola súa banda, FEIRACO S.C.G. recibiu o premio na modalidade de Entidade Asociativa Agraria; Cooperativas Ourensanas. Sociedade Cooperativa Galega recibiu o galardón na modalidade de Calidade Alimentaria e Jesús García Calvo que recibiu a Distinción Honorífica pola súa carreira. García Calvo é presidente e fundador de Feiraco en 1969. Foi presidente de UTECO Coruña, pertenceu o Consello de Administración de FINSA e de Caixa Rural da Coruña. Tamén preside o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela. Está en posesión da Medalla de Oro de la Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela. É comendador da Orde do Mérito Civil Agrícola.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA ENTREGA DOS IV PREMIOS AGRARIOS DE GALICIA 2005

- “Estes premios están pensados para aqueles que desde distintos campos do ámbito agrícola e alimentario fixeron un esforzo para que o mundo agrario constitúa un proxecto cada vez máis consolidado e atractivo”.

- “As persoas hoxe galardoadas acadaron o obxectivo básico de concibir o mundo rural desde unha perspectiva de dinamismo e modernidade, onde a busca do equilibrio territorial e ambiental ocupa un lugar prominente, asegurando deste xeito a conservación e protección da nosa valiosa terra”.

- “(…) O traballo de defensa e promoción da calidade alimentaria levada a cabo por Coren, que agrupa a 5.000 familias e dispón de granxas avícolas, cunículas, de vacún e de porcino”.

- “Como distinción de carácter honorífico inclúese unha mención especial para Jesús García Calvo, que aúna na súa persoa o labor como fundador de FEIRACO, presidente de UTECO Coruña, presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e comendador da Orde do Mérito Civil Agrícola”.

RELACIÓN DE GALARDOADOS

Modalidade: Labor informativa/ divulgativa
Premiado: Anxo Vázquez Pernas

O galardoado leva desde o ano 1981 realizando programas de televisión sobre o sector agrario. Comezou cun programa no Centro Rexional de Televisión Española en Galicia chamado O Agro.

En xaneiro de 1986 colaborou có programa A Terra, emitido pola Televisión de Galicia e que estivo en antena ata agosto de 1987. Despois dun ano comeza a traballar no programa O Noso Agro que posteriormente pasou a chamarse Labranza. O obxectivo destes programas é ser un vehículo de transmisión de coñecementos e información ao sector.


Modalidade: Traballo de investigación
Premiada: Teresa Moreno López

A galardoada realizou o seu traballo no CIA Mabegondo, dentro do Proxecto Nacional do Programa Sectorial I+D Agrario e Alimentario do INIA.

O obxectivo deste traballo foi o estudio das variables que afectan ás características organolépticas e nutricionais da calidade da carne e da graxa de tenreiros producidos en Galicia, e acollidos a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, pertencendo ao tipo Terneiro, aqueles animais sacrificados cunha idade menor aos dez meses, podendo ser de clase Normal se o animal foi destetado ou de clase Suprema se non foi destetado antes do sacrificio.

Modalidade: Muller rural emprendedora
Premiada: Esther Teijeiro Lemos

O seu traballo sempre estivo relacionado co mundo do viño, dedicándose ao cultivo de viñedos de xeito respetuoso co medio, e comezando coa instalación da primeira adega comercial da Ribeira Sacra para máis adiante fundar outra adega enfocada á produción de viños selectos na comunidade galega.

Paralelamente dedica parte da súa explotación á producción de cereixas. Como complemento á súa actividade creou un centro de manipulación e envasado de produtos hortofrutícolas para comercializar a súa produción, a vez que está levando ensaios para a realización de conservas vexetais.

Modalidade: Iniciativa de agricultor novo
Premiado: Eladio Rigueira Sobrado

O galardoado aumentou a explotación gandeira familiar, que contaba con 20 vacas e tiña unha cota láctea de 85.000 kg orixinariamente para pasar a ter 180 cabezas de gando e producir 335.000 kg. A calidade do gando, que forma a súa cabana, foi recoñecida con distintos galardóns outorgados pola Federación Frisona Galega. No ano 2001 puxo en marcha unha explotación de engorde de patos que comercializa coa Sociedade Cooperativa Galega COREN.

No 2003 leva a cabo a compra dunha queixería na que se elaboran tres tipos de queixos: queixo baixo a Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla, queixo baixo a Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa e queixo de barra. É de destacar o contrato asinado con Mercadona para a venda dos queixos na cadea.


Modalidade: Entidade Asociativa Agraria
Premiado: FEIRACO S.C.G.

FEIRACO foi fundada no ano 1969 con 400 socios e un capital social inicial de 2.400 €, acadando na actualidade aos 7.500 socios e un capital subscrito de 9.267.343,57 €.

A cooperativa recolle, procesa e comercializa as produccións dos seus socios, aos que lles presta os servizos necesarios para as súas actividades económicas; fomentar o desenvolvemento dos seus territorios onde se asentan e a cohesión social da poboación.

A empresa conta con numerosas seccións, entre as que destacan: lácteos; pensos e alimentación animal; cárnicos; servizos técnicos; elaboración e comercialización de fertilizantes; comercialización de abonos, sementes, árbores, plantas e productos fitosanitarios; asesoría fiscal, laboral e empresarial; asesoría de nutrición e reprodución animal; economatos, servizos de taller e de gasóleo, seguros e Fundación Feiraco.

Modalidade: Calidade alimentaria
Premiado: Cooperativas Ourensanas. Sociedade Cooperativa Galega

Coren comezou nos anos sesenta cunha cooperativa, para ser hoxe un grupo de 16 cooperativas que agrupa a unhas 5000 familias e dispón de granxas avícolas, cunícolas, de vacún e de porcino. Tamén conta cunha rede industrial o seu redor que engloba plantas de incubación e clasificación de ovos, fábricas de pensos, matadoros…

Coren é a primeira empresa agroalimentaria de Galicia e unha das primeiras en España que está a competir nos mercados internacionais con solucións de vangarda en todas as súas actividades.

Modalidade: Distinción honorífica
Premiado: Jesús García Calvo

Naceu en 1921 en Negreira. É licenciado en Dereito e rexistrador da propiedade.

É presidente e fundador de Feiraco en 1969. Foi presidente de UTECO Coruña, pertenceu o Consello de Administración de FINSA e de Caixa Rural da Coruña. Tamén preside o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela. Está en posesión da Medalla de Oro de la Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela. É comendador da Orde do Mérito Civil Agrícola.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES