Notas de prensa

A pesca artesanal galega reforza a súa capacidade de adaptación ao cambio climático, mentres o marisqueo a pé afronta maiores dificultades

A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

Financiado pola Xunta de Galicia, os resultados presentáronse esta semana na xornada final do proxecto, celebrada na Federación Galega de Confrarías de Pescadores, en Milladoiro (Ames), e contou coa participación dos investigadores do CIM Elena Ojea, responsable do Future Oceans Lab, e Haritz Ayarza, así como numerosos representantes do sector. Xuntos afondaron en como está a afectar o cambio climático á pesca e ao marisqueo artesanal e que capacidades existen para afrontar estes cambios.

Novas artes de pesca, cambio de zonas, novas especies obxectivo...

O proxecto Atac púxose en marcha co obxectivo de identificar os factores que explican por que uns sistemas de pesca artesanal conseguen adaptarse mellor ca outros aos impactos do cambio climático. Para iso, analizáronse as percepcións dos profesionais, as súas capacidades de adaptación e as estruturas organizativas e de toma de decisións. A investigación partiu dos datos recollidos anteriormente polo Future Oceans Lab no marco do proxecto Erc-Clock e incorporou estudos de caso en Galicia, Nayarit (México) e Shikoku (Xapón).

A comparación entre os datos recollidos en 2018 e os de 2025 amosa unha evolución na maneira en que o sector afronta o cambio climático. En termos xerais, diminúe a intención de abandonar a actividade e aumenta a disposición a buscar alternativas para mantela. Tamén gañan peso estratexias como a incorporación de novas artes de pesca, o cambio de zonas ou a procura de novas especies obxectivo.

Esta maior capacidade de resposta prodúcese ao tempo que aumenta a percepción dos efectos do cambio climático. Entre os impactos máis sinalados polos profesionais están o desprazamento dos recursos cara a zonas máis profundas ou afastadas da costa, as mortaldades masivas de especies e os cambios nas tempadas de recolección. A estes súmanse o aumento da temperatura da auga, as variacións nas precipitacións e nos temporais, a presenza de especies invasoras ou as alteracións nas mareas vermellas.

En comparación co que se anticipaba en 2018, a resposta ante os cambios reais é hoxe máis activa. Entre as estratexias de afrontamento aparecen tamén os aforros persoais ou familiares, os préstamos ou un maior esforzo pesqueiro. O estudo detecta, por outra banda, unha maior flexibilidade para diversificar artes, especies ou fontes de ingresos, pero tamén unha menor capacidade de decisión sobre o futuro e unha perda de comunicación e confianza.

O marisqueo a pé, o sector máis vulnerable

Esta evolución non se produce da mesma maneira en todas as actividades. O marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta, ao ser un dos sectores máis expostos ás mortalidades masivas rexistradas nos últimos anos e a contar, en xeral, con ingresos máis baixos e menos posibilidades de diversificación.

A evolución das descargas dos seus principais recursos dá conta desta situación. As capturas de ameixa fina, rubia e xaponesa e de berberecho pasaron duns 7,9 millóns de quilos en 2019 a arredor de 1,4 millóns en 2024. Unha caída que, a xuízos dos investigadores responsables, evidencia a presión sobre un sector cunha elevada dependencia económica destes recursos e poucas alternativas para compensar a súa perda.

O estudo identifica ademais unha maior percepción de desigualdade e unha menor capacidade de participar na toma de decisións, factores que contribúen a aumentar a vulnerabilidade do marisqueo a pé ante os cambios.

Menos días de pesca e máis incerteza

Os impactos non son só ambientais. O cambio climático está a ter tamén consecuencias económicas e sociais para os profesionais, entre elas unha redución dos días de pesca, o aumento dos custos, a diminución dos ingresos ou maiores niveis de estrés e incerteza.

Ante este escenario, os propios sectores identifican como prioritarias varias liñas de actuación: mellorar a xestión adaptativa dos recursos, reforzar a súa participación na toma de decisións, garantir a viabilidade económica da pesca e do marisqueo, ampliar as oportunidades de formación e coñecemento e avanzar na recuperación ambiental das rías.

Os resultados apuntan igualmente á necesidade de mellorar a comunicación e a confianza entre os sectores e a Administración e de adaptar as respostas ás necesidades específicas de cada actividade.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (20261006-xunta.jpg) O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES