
Iniciado no 2023, Esmas-Es+ é un proxecto que combina lingüística, tecnoloxía e intelixencia artificial para o desenvolvemento dun etiquetador semántico co que incorporar descricións sobre o significado e o contexto das palabras, o que á súa vez permitiría 'optimizar ferramentas de intelixencia artificial, tradución automática ou análise de información', apunta Valcárcel.
Seleccionado na convocatoria Generación de Conocimiento, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Maria José Domínguez é a coordinadora xeral dun proxecto que aglutina un equipo multidisciplinar, integrado por máis de 15 investigadores e investigadoras. Nomeadamente, no desenvolvemento deste prototipo toman parte especialistas das tres universidades públicas galegas e da Real Academia Galega, así como das universidades de València, Complutense de Madrid e Autònoma de Barcelona, da Universidade de Minho e da Pontifica Universidad Católica de Valparaíso (Chile). A UVigo, en concreto, está representada neste proxecto por tres integrantes do grupo LiTex, Sara Vázquez, Carla Castro e o propio Valcárcel, do ámbito da lingüística francesa.
Combinando o seguimento presencial e virtual, socios e colaboradores do proxecto reúnense este venres en Pontevedra nunha xornada que se abriu cunha reunión de traballo interno. Esta estivo centrada nas metodoloxías, ferramentas e rutas semánticas desenvolvidas no marco dunha investigación centrada no desenvolvemento dese prototipo e 'na aplicación de ontoloxías léxicas, anotación semántica e intelixencia artificial ao procesamento lingüístico', explican.
Un 'mapa ordenado dos significados'
Coordinador de computación e estatística de Esmas-Es+, Valcárcel sinala que, alén do propio proceso de automatización da xeración de etiquetas semánticas, un dos aspectos máis relevantes do proxecto é o 'propio sistema de clasificación que hai detrás'. Trátase, sinala, dun 'sistema de etiquetas organizado como unha ontoloxía, como unha especie de mapa ordenado dos significados', que parte á súa vez do traballo desenvolvido no proxecto PortLex, que levou ao deseño dunha ferramenta semántica avanzada para o etiquetado de palabras.
Dando continuidade a este traballo, Esmas-Es+ ten como obxectivo principal 'desenvolver e verificar un método combinado para o deseño dun prototipo de etiquetador semántico automático e multilingüe', que englobe alemán, español, francés e galego. Nomeadamente, apunta o equipo investigador, búscase desenvolver un modelo 'que permita describir e codificar automaticamente a complexidade dos sistemas lingüísticos', a través da combinación de semántica combinatoria, ontoloxías e bases de datos léxicas, técnicas e estratexias de linguaxe natural, técnicas estatísticas e ferramentas deseñadas para a xeración automática de linguaxe, como sistemas baseados en intelixencia artificial.
Esta ferramenta, apunta Valcárcel, podería ter aplicacións en diferentes eidos, permitindo 'automatizar a almacenaxe e a procura de grandes cantidades de textos, non só por palabras exactas, senón por temas ou conceptos cos que se relacionan as palabras que conteñen'. Do mesmo xeito, podería 'optimizar ferramentas de intelixencia artificial, tradución automática ou análise de información', ao tempo que podería empregarse para elaboración de dicionarios ou de recursos e actividades para a aprendizaxe de idiomas.
Sesión aberta á cidadanía
Tras a reunión de traballo, a xornada promovida polo proxecto complétase esta tarde cunha sesión aberta á cidadanía, inserida nas accións formativas do European Master en Lexicography (EMLex), un mestrado internacional especializado en lexicografía que leva a cabo diferentes iniciativas na UVigo. Combinando tamén o seguimento presencial e virtual, esta sesión conta con preto de 30 inscritos e inscritas e ábrese cunha presentación de María José Domínguez sobre o proxecto e outra na que Valcárcel afonda no funcionamento das etiquetas semánticas que emprega este prototipo. Esta actividade complétase á súa vez cun taller práctico de introdución ao uso destas etiquetas e das rutas ontolóxicas.
O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.