Notas de prensa

O prototipo CODEX-beta do CERN toma os seus primeiros datos co obxectivo de atopar física alén do Modelo Estándar

A colaboración CODEX-b do CERN conseguiu, nun importante fito, rexistrar os primeiros datos co prototipo do seu detector CODEX-beta, instalado no Large Hadron Collider (LHC). Isto supón un paso clave para demostrar a capacidade de busca desta nova clase de detectores, centrados na procura dos denominados como 'sectores escuros', partículas e campos alén do Modelo Estándar que coñecemos ata agora.

Estes sectores ocultos poderían dar resposta a algún dos grandes enigmas que persisten na física, como a composición da materia escura, a orixe da asimetría materia antimateria do universo, ou a naturalidade do baleiro electrodébil.

CODEX b (acrónimo de COmpact Detector for EXotics at LHCb) foi proposto en 2017 por unha colaboración de catro científicos do Lawrence Berkeley National Laboratory, da Universidade de Cincinnati e do LPNHE de París. Desde entón, a colaboración medrou ata máis de 60 membros en 20 institucións de todo o mundo. E Galicia, a través do IGFAE da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, conta cun papel relevante nesta colaboración.

Por parte do IGFAE, o equipo está liderado por Xabier Cid, coordinador de física do proxecto, e nel tamén participan Miguel Fernández Gómez, Alberto Martínez Armas, Pablo Menéndez-Valdés, Alejandro Novo Cal, María Pereira Martínez, Emilio Xosé Rodríguez Fernández e Alejandro Rodríguez González. As contribucións por parte da UDC tamén tiveron un impacto crítico, cun equipo liderado por Carlos Vázquez Sierra, coordinador do desenvolvemento de software e coordinador adxunto de física do proxecto; e Titus Mombächer, coordinador técnico de CODEX-b.

Neste sentido, a colaboración entre ambos grupos do IGFAE da USC e a UDC foi clave para cumprir coas datas límite necesarias para a toma de datos antes da finalización do Run 3, o último período de toma de datos do LHC, a finais de xuño de 2026.

Mover o foco cara ás ‘partículas de vida longa’

O propósito de CODEX-b é poñer o foco nas partículas de vida longa, que adoitan situarse lonxe dos puntos de colisión cara a onde miran os detectores do LHC. A clave do experimento é un ambiente especial “activamente blindado e de fondo cero”, onde só poden aparecer estas partículas ocultas de vida longa antes de desintegrarse.

A colaboración traballa actualmente co prototipo CODEX beta, unha versión a escala 1:5 de CODEX b, cun volume aproximado de 2m³. O seu propósito principal é tomar medidas críticas necesarias para deseñar a blindaxe activa do detector de tamaño completo e optimizar o concepto do detector, que tamén se emprega noutros dispositivos propostos para partículas de vida longa. CODEX beta, a pesar do seu pequeno tamaño, tamén pode explorar algúns escenarios novos de nova física.

Emilio X. Rodríguez, un dos investigadores do IGFAE que participa no proceso, destaca: “A instalación do demostrador CODEX-beta é un fito sen precedentes, destacando a colaboración transversal dun amplo grupo de investigadores que, aínda procedendo de diferentes contextos, únense na consecución dun obxectivo común. Estamos diante dunha oportunidade única para facer física de forma diferente e, por que non, resolver un paradigma da física actual como é a materia escura”.

“Deseñar e construír este prototipo foi un esforzo tremendo dun pequeno grupo de físicos experimentais, teóricos e enxeñeiros, moitos dos cales cederon o seu tempo libre ao proxecto”, destaca Philip Ilten, profesor na Universidade de Cincinnati e portavoz do experimento. “Os datos deste prototipo serán esenciais para facer realidade este tipo de concepto de detector, demostrando que realmente podemos buscar nova física deste xeito”.

De ser aprobado polo CERN, o experimento CODEX b de tamaño completo, duns 10 m³ de volume, instalarase xunto ao detector LHCb, dentro da caverna do punto de interacción 8 do LHC. O detector, que utilizaría unha tecnoloxía deseñada para o experimento ATLAS, podería explorar unha gama moi ampla de escenarios de Nova Física, que van desde partículas tipo axión ou leptóns neutros pesados, ata partículas escalares lixeiras que se acoplan ao bosón de Higgs.

“Aínda que as partículas de vida longa que CODEX b buscará son bastante lixeiras en masa comparadas co bosón de Higgs, estar preto dun punto de colisión do LHC permite ao experimento explorar interaccións exóticas co propio bosón de Higgs”, explica o investigador do IGFAE Xabier Cid. “Entender como interactúa o Higgs podería estar no núcleo de moitos problemas abertos na física de partículas hoxe, así que superar este fito é realmente emocionante para CODEX beta”, resume.

"Foi una inmensa experiencia, e un gran logro, ser capaces de construír e poñer en marcha o prototipo CODEX-β. O seu éxito demostra o funcionamento dun concepto completamente novo para buscar nova física", comenta o investigador da UDC Titus Mombächer. Pola súa parte, Carlos Vázquez Sierra, investigador Ramón y Cajal na UDC, di: “A integración no sistema de adquisición de datos do experimento LHCb, así como o desenvolvemento dun novo sistema de procesado e análise, foi un dos fitos máis relevantes que contribuíron ao monumental éxito do proxecto”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES