Notas de prensa

A UVigo capta máis de 300.000 euros da FECYT para impulsar dez proxectos de cultura científica

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) concede á Universidade de Vigo un financiamento total de 311.650 euros para o desenvolvemento de dez proxectos de cultura científica que se executarán no período 2026-2027. Esta cifra, correspondente á convocatoria de axudas de 2025, consolida e reforza a tendencia ascendente da institución olívica no acceso a este tipo de axudas, superando os resultados das edicións anteriores.

Dos dez proxectos subvencionados, tres son iniciativas novas, mentres que outras sete xa foran seleccionadas en convocatorias previas, polo que continuarán con novas edicións achegando a ciencia e a innovación á cidadanía.

Novas propostas divulgativas

Entre as propostas divulgativas de nova incorporación destacan varias iniciativas orientadas a fomentar o diálogo entre a ensinanza universitaria e preuniversitaria, como OlaMicro: desmontando prexuízos sobre os microbios, unha iniciativa que propón mellorar a percepción social dos microorganismos entre alumnado de Educación Primaria, especialmente en contextos vulnerables da provincia de Ourense, mediante actividades experimentais, xogos e propostas creativas que permiten achegar a microbioloxía dun xeito accesible e lúdico.

Tamén se incorpora Saberes con Poderes, unha proposta centrada na loita contra a desinformación científica desde as ciencias sociais, que emprega formatos innovadores como videopodcast, webseries documentais, exposicións itinerantes e unha plataforma dixital interactiva, cun enfoque especial na mocidade como público prioritario.

Por último, o proxecto Aprendo a ler o que como, dirixido ao alumnado de Educación Primaria e ás familias da provincia de Ourense, ten como obxectivo mellorar a educación alimentaria e promover hábitos saudables a través de talleres prácticos, materiais audiovisuais e actividades familiares que conectan o ámbito escolar co fogar.

Sete iniciativas que se consolidan

Entre os proxectos que repiten, a Universidade de Vigo volve acadar financiamento para iniciativas consolidadas de grande impacto social e educativo, entre as que destaca o festival científico CinVigo, organizado polo CINBIO, que cada primavera converte Vigo nun espazo de divulgación aberto á cidadanía no que centos de estudantes presentan os seus proxectos científicos.

Outro clásico é o programa Ciencia de ida e volta, impulsado pola Unidade de Cultura Científica (UCC+i), que acadou a súa sexta edición como o paraugas baixo o que se desenvolve ao longo do ano académico unha ampla programación de actividades de divulgación nos tres campus da Universidade.

Do mesmo xeito, volve acadar financiamento a iniciativa Te lo cuentan las matemáticas, orientada a estimular as vocacións neste eido entre o alumnado de Educación Primaria e primeiros cursos da ESO a través de propostas educativas innovadoras e participativas. Tamén foi seleccionado o proxecto Paleo en el barrio, unha proposta de ciencia de proximidade liderada polo CSIC en colaboración coa Universidade de Vigo, que nesta nova edición segue a afondar na difusión do patrimonio paleontolóxico.

No ámbito da divulgación creativa, haberá unha segunda edición da iniciativa Mar emerxente: ciencia mariña e arte pictórica, que propón un diálogo entre arte e ciencia mariña mediante a colaboración entre artistas e persoal investigador.

Finalmente, na categoría de ciencia cidadá obteñen financiamento o proxecto Postgrowth SA: Rural, que dá continuidade ao traballo desenvolvido nas anteriores edicións Postgrowth SA: Pontevedra e Postgrowth SA: Vigo, e o proxecto Ecocosta, liderado polo CSIC con participación da Universidade de Vigo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES