
Durante esas tres xornadas, máis de 200 participantes compartirán investigacións e experiencias arredor dos retos que no eido da tecnoloxía e a educación.
As JUTE constitúen, desde hai máis de trinta anos, un dos principais foros de diálogo, intercambio e reflexión compartida sobre investigación e docencia no ámbito da Tecnoloxía Educativa. A cita en Santiago ten un valor simbólico especial, xa que a Facultade de Ciencias da Educación foi o lugar onde, en 2006, naceu a Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa (RUTE), a comunidade que institucionalizou este campo de coñecemento en España e proxectou as súas actividades en España e no estranxeiro. Vinte anos despois, as xornadas volven ao seu lugar de orixe cun claro espírito renovado.
Os retos dunha sociedade híbrida
A edición deste ano propón reflexionar sobre os interrogantes dunha sociedade cada vez máis híbrida e as súas implicacións educativas, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dunha cidadanía dixital crítica capaz de sustentar, desde a educación, os valores necesarios para o fortalecemento democrático.
O programa abordará algúns dos debates máis vivos do momento: a renovación dos libros brancos nas facultades de educación, a controversia sobre o uso das pantallas na vida cotiá e as políticas educativas derivadas, a irrupción da Intelixencia Artificial nos procesos de ensino e aprendizaxe, e as implicacións destes e moitos outros ámbitos relacionados coa Tecnoloxía Educativa na convivencia social. As xornadas estrutúranse arredor de tres obxectivos: examinar os retos da hibridación para unha alfabetización dixital crítica, estudar as implicacións do sistema sociotécnico actual na convivencia e na educación e elaborar unha axenda educativa para o desenvolvemento dunha cidadanía dixital crítica.
Deste xeito, ao longo das tres xornadas combinaranse relatorios e conferencias, mesas de debate e a presentación de comunicacións científicas. O encontro está dirixido ao profesorado e persoal investigador en Tecnoloxía Educativa, estudantado de grao, mestrado e doutoramento. Tamén a equipos directivos e profesorado de centros non universitarios, departamentos de orientación, coordinadores/as de benestar e profesionais vinculados en calquera nivel educativo. Para favorecer unha participación ampla, JUTE 2026 contará tamén con modalidade virtual nalgunhas das súas sesións de acceso aberto desde a sección JUTE virtual.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.