Notas de prensa

O CIM e a Ecimat celebran o seu aniversario enfrontando os retos de futuro do océano

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.

Durante o acto, celebrado baixo o lema Dúas décadas investigando o mar. Unha década liderando o futuro, o reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa, agradeceu e trasladou os seus parabéns ás persoas que fixeron posible que CIM e Ecimat celebren os seus aniversarios, para o que comezou por retrotaerse no tempo ao momento da xestación do proxecto no decanato da daquela aínda Facultade de Ciencias. A partir de aí, Reigosa pediu “correr a máis velocidade e acelerar” para evitar caer e lembrou as negociacións e procesos desenvolvidos nos seus mandatos para contar con instalacións na ETEA, co edificio Redeiras e tamén a proposta para trasladar centros do campus de Vigo á cidade. “A día de hoxe a Xunta cedeu os edificios Morse e Enfermería e estamos rematando tamén unha permuta con Zona Franca para a cesión do Siemens que sería o máis acaído para a instalación do CIM, sen mover, por suposto a Ecimat”, detallou o reitor en funcións. Reigosa pediu que lle permitisen seguir “vendo nos meus soños unha ETEA convertida en sede do campus de excelencia en investigación mariña, un lugar onde todos sexamos máis fortes e un lugar de atracción de talento internacional. Sospeito que nunca o verei, pero nalgún universo paralelo posible”, dixo entón, en alusión ao novo equipo reitoral, “tócavos a vós decidir o futuro, tomar as mellores decisións sobre os desenvolvemento dos centros de investigación e da institución, moita sorte e moitos acertos”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, que comezou a súa intervención referíndose á “anomalía”, pola súa singularidade, dos centros Cigus, enumerou a continuación algunhas das liñas de traballo do CIM. “Este acto exemplifica como se poden coordinar distintas administracións para apoiar á Universidade de Vigo e obter mellores resultados, un exemplo de sinerxía”, dixo Díez de Castro, que sinalou este como un momento de iniciar unha nova etapa “de novos desafíos que van ser tan ou máis complicados que os anteriores”.

Mentres, o director do CIM, Daniel Rey, destacou que a celebración de hoxe é a “dun proxecto compartido construído ao longo do tempo grazas á visión, ao esforzo e ao compromiso de moitas persoas”. Rey asegurou que 20 anos despois da súa creación a Ecimat “converteuse nunha infraestrutura de referencia internacional e nun dos grandes activos científicos do noso territorio”, mentres que nunha década o CIM “consolidouse como un dos centros de excelencia do SUG, cunha forte proxección internacional e cunha crecente capacidade para atraer talento, financiamento e colaboracións científicas, sen perder nunca a súa profunda conexión co territorio e cos retos da sociedade á que serve”. Para Daniel Rey , “a Ecimat e o CIM son resultado do esforzo colectivo de moitas persoas e institucións ao longo do tempo. Por iso hoxe, precisamente no Día Mundial dos Océanos, non celebramos só o pasado. Celebramos a confianza no futuro, a forza dun ecosistema científico único e todo o que aínda está por facer”.

Ambas as dúas efemérides, celebradas na illa de Toralla coincidindo co Día Mundial dos Océanos, reuniron máis dun cento de persoas entre membros dos equipos reitorais saínte e entrante, encabezado pola reitora electa, Carmen García Mateo; representantes institucionais; persoal investigador e técnico; representantes de entidades colaboradoras, empresas e membros da comunidade universitaria. O programa incluíu unha visita institucional ás instalacións da Ecimat e ao B/O CIM UVigo, seguida dun acto no que se destacou a contribución do centro á investigación mariña de excelencia, á transferencia de coñecemento e á toma de decisións baseada na evidencia científica.

Unha década de excelencia científica ao servizo do océano

Creado en 2016 para integrar e potenciar a investigación mariña desenvolvida na Universidade de Vigo, o CIM agrupa na actualidade máis de 200 persoas arredor de 16 grupos de investigación. Nunha década, consolidouse como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede CIGUS e como un referente no arco atlántico europeo, cunha actividade orientada ao estudo dos grandes retos do océano: o cambio climático, a contaminación mariña, a conservación da biodiversidade, a acuicultura sostible, a observación oceánica, a modelización avanzada e a economía azul.

A conmemoración dos 20 anos da Ecimat ocupou un lugar central na celebración deste luns. Situada na illa de Toralla, a estación constitúe unha infraestrutura científica diferencial pola súa localización na ría de Vigo, unha zona de elevada produtividade mariña, e polas súas capacidades para a experimentación en condicións controladas. Nos últimos anos, o CIM reforzou este ecosistema científico coa incorporación de novas instalacións e equipamentos, entre eles unha batea experimental na ría de Aldán, un sistema avanzado de mesocosmos e o novo buque oceanográfico científico híbrido enchufable. A súa integración na infraestrutura europea EMBRC converte á Ecimat nun punto de acceso estratéxico para investigadores de toda Europa interesados no estudo experimental dos ecosistemas mariños.

Durante o acto celebrado este luns, os responsables que estiveron á fronte do CIM, da Ecimat e da Agrupación Estratéxica Océano Ecimat, precursora do actual centro, tiveron tamén a oportunidade de dirixir unhas palabras ao público asistente e facer unha lectura compartida da evolución do centro ata a súa consolidación actual. Tanto Ricardo Beiras como Jesús Troncos, José Manuel Estévez e Daniel Rey coincidiron en destacar o papel do CIM e da Ecimat como referentes na investigación mariña, unha posición que se foi consolidando ano tras ano grazas á excelencia científica, ao valor humano dos seus equipos, á cooperación entre grupos e á capacidade de construír un proxecto colectivo con impacto internacional.

Un centro conectado co territorio, as institucións e os sectores do mar

As intervencións institucionais subliñaron a relevancia do CIM como centro científico con impacto en Galicia e con capacidade para achegar coñecemento útil á toma de decisións. O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, salientou “que o futuro, igual que o pasado vén dos océanos e é moi importante o que se está a facer aquí”, ao tempo que gabou a investigación aplicada que se está a levar a cabo no centro e lembrou a colaboración que o Porto de Vigo mantén dende hai décadas coa Universidade, materializada en numerosos proxectos, moitos deles pioneiros e premiados a nivel mundial.

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, Covadonga Salgado, en representación da Consellería do Mar, destacou a papel de “`pioneiros e referentes” do CIM con iniciativas únicas na costa atlántica como o mesocosmos, e gabou o traballo conxunto entre os diferentes centros de investigación que operan en Galicia no ámbito mariño. ‘É un orgullo para Galicia ter estes centros e infraestruturas con máis de 200 profesionais”, dixo Salgado.

En representación do alcalde de Vigo, a terceira tenente de alcalde, Elena Espinosa aseguro que hoxe celebramos “o resultado da innovación, pero sobre todo do compromiso de moitos homes e mulleres durante estes 10 e 20 anos”. Espinosa tamén manifestou o seu orgullo por contar en Vigo “con este ecosistema científico que nos sitúa na vangarda en Galicia e en Europa”.

Pola súa banda, o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, referiuse á capacidade da UVigo de “facer agromar o talento e transferilo”, así como ao papel que xogará a ETEA e no que Zona Franca, dixo, estará presente. “O modelo de Europa está comprometido coa sostibilidade, algo que defendedes e estudades e sodes capaces de potenciar desde a Universidade, e que tamén está baseado na igualdade das persoas, sen excluír a ninguén”, dixo Regades, que agradeceu a colaboración mantida co Manuel Reigosa durante os seus mandatos á fronte da UVigo.

Baixo o lema Dúas décadas investigando o mar. Unha década liderando o futuro, o acto serviu para recoñecer o camiño percorrido polo CIM e pola Ecimat e para poñer en valor a continuidade dun proxecto científico xa consolidado. Desde Galicia e coas rías como laboratorio natural, o CIM seguirá ampliando unha actividade investigadora con impacto internacional, capacidade de transferencia e vocación de servizo público ante os grandes retos do océano.

Actividades complementarias

No marco desta conmemoración, o Campus do Mar, en colaboración co CIM, organiza tres saídas divulgativas en barco pola ría de Vigo o martes 9 de xuño. A iniciativa ten como obxectivo fomentar a alfabetización oceánica e achegar á cidadanía o coñecemento científico sobre o medio mariño.

As persoas participantes poderán vivir unha pequena campaña oceanográfica, realizando mostraxes de plancto e sedimentos, observando organismos mariños ao microscopio e coñecendo os fondos da ría en tempo real mediante un robot submarino.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES