Notas de prensa

A Unidade Mixta SunRock-USC traballará en acelerar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e inflamación

Responsables desta iniciativa público-privada centrada en acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. A Unidade Mixta sitúa SunRock como socio empresarial tractor do proxecto e como compañía responsable de orientar a xeración de resultados cara a decisións de desenvolvemento, valorización e licencia.

A nova Unidade Mixta SunRock-USC Biopharma presentouse este xoves no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC nun acto institucional no que participaron a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Benito Fernández; os representantes da compañía biotecnológica SunRock Laureano Simón e Pablo Garrido; e a directora científica do CiMUS, Mabel Loza.

Responsables desta iniciativa público-privada centrada en acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. A Unidade Mixta sitúa SunRock como socio empresarial tractor do proxecto e como compañía responsable de orientar a xeración de resultados cara a decisións de desenvolvemento, valorización e licencia.

A unidade mixta contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está co financiada nun 60% con fondos estruturais da Unión Europea ao amparo do programa Galicia Feder 2021-2027. O financiamento permitirá despregar capacidades académicas e preclínicas da USC sobre programas biolóxicos de alto potencial promovidos por SunRock, reforzando o papel de Galicia na creación de activos terapéuticos transferibles ao mercado farmacéutico global.

A iniciativa está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do CiMUS, unha coordinación que se integrará coa dirección estratéxica e de desenvolvemento de SunRock Biopharma, que achegará os seus programas, a súa experiencia en anticorpos terapéuticos e a súa orientación ao partnering internacional e reúne tres grupos de investigación do centro: a plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN liderada por Mabel Loza, o Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía que dirixe Anxo Vidal dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro, e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe.

Estas capacidades compleméntanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular. Para SunRock, esta integración é clave porque permite conectar deseño molecular, validación funcional, biodistribución, farmacocinética e modelos preclínicos nun mesmo ecosistema operativo.

Ademais, esta Unidade Mixta conta coa colaboración da Fundación Kærtor, a través do convenio entre a USC e a propia Kærtor para colaborar en investigación e transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos, e entre cuxas actividades se atopa precisamente potenciar a investigación preclínica pre-regulatoria en Galicia.

O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3, áreas nas que SunRock conta con programas propios en desenvolvemento. Estes programas constitúen o núcleo tecnolóxico da compañía e reflicten a súa aposta por terapias biolóxicas de alta diferenciación, con aplicacións potenciais en cancro e enfermidades inflamatorias inmunomediadas.

Da ciencia académica ao activo licenciable

O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo en que as novas opcións terapéuticas están dispoñibles para os pacientes. En termos industriais, o obxectivo é xerar paquetes de evidencia preclínica que permitan a SunRock priorizar candidatos, reducir incerteza técnica e abrir conversas de licencia en condicións máis sólidas.

A Unidad Mixta articúlase baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial. A colaboración permitirá xerar e validar datos preclínicos en fases temperás, optimizando a selección de candidatos e reducindo incerteza antes da súa transferencia a grandes empresas farmacéuticas que completen o seu desenvolvemento.

Este enfoque alíñase coa estratexia de SunRock Biopharma, centrada en avanzar os seus programas ata etapas preclínicas e clínicas iniciais para maximizar o seu valor mediante acordos de licencia con compañías farmacéuticas. A Unidade Mixta reforza esta estratexia ao dotar a compañía dunha plataforma colaborativa estable para xerar datos de calidade, soster novas hipóteses terapéuticas e ampliar a opcionalidade do seu pipeline.

No acto de presentación, a vicerreitora Almudena Hospido destacou que “a incorporación desta Unidad Mixta á USC ten un significado especial porque sitúa a saúde, a biomedicina e a medicina de precisión entre os grandes ámbitos de colaboración estratéxica entre universidade e empresa en Galicia”. “E porque reforza -engadiu- un ecosistema biomédico único, aquí en Compostela, que xa é unha referencia científica, pero que aspira tamén a converterse nun referente en innovación e desenvolvemento tecnolóxico”.

“Esta Unidade Mixta permítenos integrar ciencia académica de primeiro nivel no noso proceso de xeración de activos e acelerar a obtención de datos clave para tomar decisións de desenvolvemento e partnering”, sinala Juan Buela, director xeral de SunRock Biopharma. “O noso obxectivo é converter hipóteses biolóxicas sólidas en programas con potencial real de licencia no menor tempo e co menor risco posible”.

A coordinadora da iniciativa, Mabel Loza, destaca que a creación desta Unidade Mixta responde á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre investigación básica e aplicación clínica. En particular, resalta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito en fases temperás do desenvolvemento”.

En opinión do conselleiro, que estivo acompañado pola directora da Agencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, “é un gran paso adiante na aposta que se está facendo en Galicia de calidade pola I+D+i, é dicir, pola investigación e a innovación con selo galego como sinal de identidade”. “A nova unidade permitirá que Galicia dispoña dunha capacidade única para transformar resultados de investigación en novos medicamentos biolóxicos con potencial para chegar aos pacientes, reforzando ao tempo a competitividade científica, sanitaria e empresarial de Galicia”, dixo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES