
O novo Hub exercerá de canalizador de proxectos emprendedores e inversores interesados no Courel, integrando tanto a detección de oportunidades como a validación das propostas, o acompañamento e o acceso ao capital necesario para a súa posta en marcha. Este ecosistema do que forma parte A Comunidade de inversores de Casa de Outeiro permitirá encamiñar iniciativas con impacto social, económico e ambiental.
Oryon Universal achegará a súa experiencia no deseño de vehículos de inversión, captación de capital, xestión do Hub e escalado de proxectos, mentres que Oryon Foundation sumará formación, mentores, programas de incubación, bolsa de talento e segundas oportunidades para persoas excluídas do mercado laboral. Grupo Rural Manager (Aldealista) actuará no ámbito da vivenda, achegando solucións habitacionais para que emprendedores e traballadores poidan chegar alí. Pola súa banda, as asociacións vinculadas ao territorio como a Asociación de Empresarios do Xeoparque, Quiroga en Marcha e ProRural Galicia, serán os ollos no territorio, axudando a identificar oportunidades produtivas a través de mapeamentos, mantendo unha relación constante coas administracións e a sociedade, acompañando a chegada de proxectos de impacto e asegurando o cumprimento dos obxectivos de rexeneración rural.
Transformar o territorio e a chegada de Oryon a Galicia
A nivel do Xeoparque a inversión articúlase a través dun vehículo de inversión (S.L.) que captará capital público e privado para investir en proxectos produtivos con impacto medible nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Será un instrumento profesional de coinversión público-privada que poderá complementarse con outros de capital risco públicos, o que permite apalancar recursos, impulsar proxectos e diversificar o risco das operacións.
A primeira rolda de captación de capital prevista ascende a 3 millóns de euros, a executar en 2027, destinados á posta en marcha de iniciativas nos sectores primario, secundario e terciario, así como ao impulso do desenvolvemento tecnolóxico. Oryon promoverá e canalizará inversión cara a proxectos estratéxicos de diferentes ámbitos económicos, centrando as súas inversións directas en compañías de alto contido tecnolóxico, innovación e potencial de crecemento enfocado ao sector emprendemento. A dirección do vehículo será privada, profesional e colexiada, compartida entre Oryon Universal e empresarios galegos, orientada a resultados e á creación de valor sostible a longo prazo.
Este movemento marca a chegada do Partner e socio estratéxico xunto ao seu ecosistema a Galicia, co obxectivo de contribuír á atracción de talento e capital á comunidade galega e ao apoio a inversores e emprendedores en todo o territorio. Este grupo empresarial, con sede en Madrid, apóiase polo tanto en Juan Luis Vázquez, fundador de Casa de Outeiro e Grupo Tourgalia, para acompañar a súa chegada a Galicia.
No Xeoparque, do campo ao turismo e a tecnoloxía
Os catro sectores obxectivo do proxecto definen ben o modelo: o sector primario, a transformación agroalimentaria, os servizos turísticos e o ámbito tecnolóxico.
No sector primario, o Hub axudará a crear novas explotacións, profesionalizar e escalar as existentes, facilitar o relevo xeracional e aproveitar o potencial de actividades como a gandaría bovina e caprina, o forestal, a viticultura, a produción de aceite, a apicultura e outros cultivos estratéxicos.
En canto á transformación, priorizarase as industrias agroalimentarias, o procesamento cárnico e os produtos derivados de alto valor engadido como queixos, mel ou aceite baixo unha marca territorial propia, con vocación de expansión nacional e internacional.
No sector servizos, o Hub busca posicionar o Courel como destino premium de natureza, benestar e cultura, impulsando aloxamentos rurais e hoteleiros experienciais, restauración de quilómetro cero, axencias de viaxes que desenvolvan e comercialicen produto do territorio, iniciativas de turismo de natureza e experiencias ligadas ao territorio.
Por último, no ámbito tecnolóxico, aspírase a converter o Xeoparque nun laboratorio de innovación rural, con proxectos de intelixencia artificial aplicada á gandaría e á xestión forestal, monitorización de explotacións, plataformas dixitais de comercialización, servizos de consultoría tecnolóxica rural e xestión avanzada de datos territoriais.
Rentabilidade e impacto social
Todos os proxectos serán seleccionados baixo estritos criterios de sostibilidade, economía circular e rexeneración do territorio. O impacto social medirase en termos de emprego local, fixación de poboación e xeración de oportunidades para persoas e empresas do Xeoparque, de maneira que cada euro investido contribúa a crear riqueza duradeira na contorna.
Para os inversores, o vehículo ofrece un modelo integrado e diversificado, apoiado en activos reais e tanxibles desde explotacións agrogandeiras ata instalacións hoteleiras ou industriais, con impacto medible, potencial de revalorización territorial e acceso a subvencións públicas complementarias. Así, a sostibilidade deixa de ser só un elemento reputacional e convértese en parte estrutural do modelo financeiro.
Colaboración público-privada
O Manifesto de Colaboración que se asinará entre as partes establece un marco común de entendemento que separa claramente a dirección executiva privada do apoio institucional. Desta forma, colaboran desde o ámbito estratéxico e institucional a Asociación Xeoparque Montañas do Courel (que agrupa os tres concellos do territorio), a Asociación de Empresarios do Xeoparque, a asociación Quiroga en Marcha e Prorural Galicia.
Ademais estanse mantendo conversacións con administracións de ámbito rexional para que se incorporen ao devandito manifesto de colaboración ou, no seu caso, apoien o proxecto a través das políticas existentes en materia de emprendemento, emprego e axudas públicas.
O modelo de gobernanza prevé distintos niveis, cun comité estratéxico para garantir unha estratexia consensuada para o territorio, un comité de dirección de carácter executivo que lidere o proxecto no día a día e un comité de avaliación de proxectos, que realice unha avaliación plural das propostas, tome decisións de inversión baseadas en criterios técnicos e financeiros, xestione e facilite información periódica aos axentes participantes e acompañe os proxectos. Con este esquema, o Xeoparque Montañas do Courel aspira a pasar da planificación á acción e a converterse en exemplo de colaboración público-privada para a xeración de inversión rentable e con impacto positivo no rural galego.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.