Notas de prensa

Medio Ambiente investirá 740.000 euros en obras de abastacemento no concello de Paradela

Xosé Manuel Barreiro e o alcalde, José Manuel Mato Díaz, asinaron hoxe dous protocolos de colaboración para a execución dos traballos.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, asinaron dous protocolos de colaboración para dotar de abastecemento de auga a tres parroquias do municipio. As actuacións suporán un investimento por parte do departamento autonómico de 740.405 euros.

A primeira e a máis importante das actuacións está destinada a dotar do servizo de abastecemento de auga a catro lugares da parroquia de Barán. As obras teñen un orzamento de 381.405 euros e consistirán na construción dun azude, unha estación de tratamento de auga potable (ETAP), un depósito, un sistema de bombeo e unha rede de distribución. O azude situarase no río Loio, mentres que o depósito terá unha capacidade de 750 m3 e a rede de distribución unha lonxitude de 4,4 quilómetros. Con esta infraestrutura achegarase o subministro de auga potable a 400 habitantes.

A outra actuación ten como obxectivo dotar de abastecemento os fogares dos 149 habitantes das parroquias de Castro de Rei e Andreade. Así, segundo o protocolo asinado, en Castro de Rei realizarase unha captación e unha condución xeral de 5 quilómetros de lonxitude e construirase unha ETAP, un depósito -de 200 m3- e unha rede de distribución de 0,4 quilómetros. Pola súa banda, o proxecto para Andreade contempla a execución dunha captación no lugar de Chousa da Abella e a construción dun sistema de bombeo, unha estación de tratamento para depuración (ETAP), un depósito -de 100 m3- e unha rede de distribución de 2 quilómetros de lonxitude. O investimento previsto para todas estas obras ascende a 359.000 euros.

COMPROMISOS

Tanto nunha como noutra actuación, a Consellería de Medio Ambiente -a través da Administración Hidráulica de Galicia- encargarase de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obras de todas as actuacións previstas. Unha vez que estean rematados os traballos, as obras serán entregadas para o seu uso público ao concello de Paradela, que a partir dese momento se fará cargo delas a todos os efectos.

Os protocolos contemplan ademais todas as actuacións complementarias necesarias para facer efectiva a execución das obras (estudos, proxectos, asistencias técnicas), así como as expropiacións de bens e dereitos que sexa preciso realizar.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, 2005-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (gozo-festival-2026.jpg) Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegarán a mellor música internacional do momento a Santiago de Compostela cunha nova edición de O Gozo Festival. Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez son as primeiras confirmacións do festival, que presentarán os seus directos no Monte do Gozo compostelán o sábado 11 de xullo de 2026. O Gozo Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. En 2026, O Gozo Festival celebrará a súa cuarta edición cun line-up de luxo. O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, consolidouse na súa terceira edición, celebrada en 2025, cun éxito rotundo de crítica e público.
Foto de la tercera plana (20251210-rueda.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá, na súa condición de presidente da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), unha maior cogobernanza das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos e máis recursos para o sector primario. Así o destacou logo dunha reunión organizada polo Executivo galego entre os representantes españois tanto das comunidades autónomas como das entidades locais do CdR con eurodeputados españois e o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso, 'para poñer en común as intencións e o noso plantexamento' de cara á negociación do novo Marco Financieiro Plurianual 2028-2034.

Notas

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria, Belén Trigo, 'buscar e descubrir os aspectos menos tratados' da figura deste intelectual rexionalista e 'establecer un diálogo entre dúas épocas', o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición, que pode visitarse ata o 15 de xaneiro, conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis.
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao . As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de 'construción e reconstrución' como artistas que implicou a súa formación, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas traballadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES