
A reitora Rosa Crujeiras presidiu o acto inaugural no que tamén interviñeron Roberto Bande Ramudo, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Almudena Hospido Quintana, vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta; Marta I Miranda Castañón, directora do Campus Terra; Marta López Alonso, directora do iTERRA; e José Alberto Diez de Castro, secretario Xeral de Universidades.
Hoxe nace oficialmente un instituto cunha axenda científica ambiciosa e plenamente conectada cos desafíos do noso tempo, dixo a reitora, para quen os seus retos estratéxicos a saúde humana e animal, a produción e seguridade alimentaria, a sostibilidade ambiental e a incorporación das tecnoloxías dixitais e da intelixencia artificial sitúan iTERRA na vangarda das prioridades científicas europeas e internacionais.
No acto, Crujeiras quixo salientar que o noso instituto non só mira os grandes retos globais senón que tamén responde ás necesidades concretas da sociedade galega, cunha actividade estreitamente vinculada ao sector agroalimentario, ao ámbito forestal, á conservación dos ecosistemas, á saúde animal e á innovación tecnolóxica aplicada ao territorio. É un exemplo magnífico -manifestou- de como a investigación dende a Universidade pública pode contribuír ao desenvolvemento económico e social, xerando coñecemento de excelencia e transformándoo en solucións útiles para a cidadanía.
Ademais, para a reitora da USC a creación de iTERRA reforza o papel do Campus Terra como un dos grandes proxectos estratéxicos do país. Xunto co IBADER, coas nosas infraestruturas científicas e tecnolóxicas e cos numerosos grupos de investigación que desenvolven aquí o seu labor, este novo instituto contribúe a consolidar un ecosistema de coñecemento único, especializado e con vocación internacional, concluíu.
No mesmo senso se pronunciou a directora do iTerra, que advertiu que aquí temos algo que non sempre está dispoñible noutros contextos: temos un territorio onde a investigación conecta coa realidade. E iso convértese, engadiu, nunha enorme oportunidade para a investigación porque nos permite observar os sistemas no seu conxunto, comprender como interactúan os seus diferentes compoñentes e traballar directamente sobre a realidade. Por iso, para nós, o territorio non é simplemente o lugar onde facemos investigación. É unha parte esencial da propia investigación. É o noso laboratorio vivo.
O modelo do iTERRA sitúase, segundo a súa directora, na intersección de dous grandes marcos que hoxe resultan fundamentais. Por unha banda, a Saúde Global, que nos lembra que a saúde das persoas, dos animais e dos ecosistemas está profundamente conectada. E por outra, o Desenvolvemento Sostible, que integra as dimensións ambiental, económica e social. Durante moito tempo, estes ámbitos abordáronse de forma separada. Pero os grandes retos non están nun lugar ou noutro. Atópanse precisamente na intersección. Nese espazo onde a saúde depende de como producimos os alimentos, de como utilizamos os recursos naturais, de como conservamos os ecossistemas, ou de como organizamos as nosas sociedades, matizou.
Vencello co territorio
O iTERRA aspira a consolidarse como un referente nacional e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións baseadas na evidencia ante os grandes retos do século XXI: a saúde humana e animal, a alimentación e seguridade alimentaria, e a sustentabilidade dos ecosistemas.
Desde o seu enfoque holístico e a súa vinculación co territorio, contribuirá a situar o Campus Terra como un referente europeo en investigación e innovación responsable, proxectando desde Lugo un modelo de ciencia aberta, sostible e de excelencia.
O foro contou con intervencións de persoal investigador con perspectivas complementarias seguidas dunha conversa sobre retos científicos compartidos baixo o lema 'Ciencia conectada para retos complexos: microcharlas e conversa'. Ademais houbo unha mesa de diálogo sobre o iTERRA e a súa conexión coa sociedade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.