Notas de prensa

O CICA acolle o DynaFit School 2026, un encontro internacional sobre análise avanzada de datos para a investigación científica

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC acolle ata o 5 de xuño o DynaFit School 2026, un simposio-obradoiro internacional centrado na análise avanzada de datos experimentais en química, bioloxía e biomedicina. A actividade está organizada pola investigadora Oportunius do grupo QUIMBIO do CICA, Elena Pazos, xunto a Eugenio Vázquez, investigador do CiQUS – Center for Research in Biological Chemistry and Molecular Materials da USC, e Víctor Quesada, investigador da Universidade de Oviedo.

Durante os cinco días que dura o encontro, persoal investigador procedente de distintas universidades e centros de investigación aprenderá a empregar DynaFit, un software especializado que permite interpretar experimentos complexos e comprender mellor como funcionan os procesos químicos e biolóxicos a nivel molecular. Este tipo de ferramentas resultan fundamentais en áreas como o desenvolvemento de novos medicamentos, o estudo de enfermidades ou o deseño de sistemas químicos e biotecnolóxicos avanzados.

O programa combinará sesións teóricas, obradoiros prácticos baseados en datos reais e presentacións científicas das persoas participantes, fomentando unha contorna de formación avanzada e intercambio científico. Un dos principais atractivos será a participación do Dr. Petr Kuzmič, creador de Dynafit e referente internacional no desenvolvemento de ferramentas matemáticas para o estudo de procesos bioquímicos. A súa presenza sitúa este evento nunha cita destacada para a comunidade científica interesada en metodoloxías avanzadas de análise de datos experimentais.

O evento conta ademais co apoio da Rede CIGUS, a rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e a Real Sociedade Española de Química, a través da Sección Territorial de Galicia e o Grupo Especializado de Química Biolóxica.

Máis información sobre o evento e o programa completo en: https://www.dynafitworkshop2026cica.eu

Perfil do Dr. Petr Kuzmič

Petr Kuzmič naceu en Checoslovaquia, actual República Checa. Estudou Química Orgánica e Medicinal no Instituto de Tecnoloxía Química de Praga e doutorouse en Química Bioorgánica na Academia Checa de Ciencias en 1985.

En 1987 trasladouse aos Estados Unidos como investigador invitado pola Academia Nacional de Ciencias. En 1991 fundou BioKin Ltd., unha empresa especializada en consultoría científica e desenvolvemento de software.

Traballou na Universidade de Wisconsin-Madison como investigador e profesor, onde desenvolveu ferramentas matemáticas e informáticas para estudar a inhibición de encimas, especialmente a proteasa do VIH.

Desde 1999 adícase á consultoría para empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas, á docencia, á producción científica e ao desenvolvemento do software DynaFit.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-06-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES