
O traballo é unha das iniciativas beneficiarias da convocatoria a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), financiada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). Jorge A. Custodio, investigador Juan de la Cierva do grupo Food and Health Omics, que ten a súa sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, é o responsable do proxecto.
Segundo explica o investigador, as bebidas vexetais consolidáronse como unha categoría emerxente de crecente relevancia no mercado español e internacional, impulsada por cambios de hábitos e pola demanda de alternativas de orixe vexetal. Neste contexto, o equipo da UVigo traballou en Bevegal arredor do desenvolvemento de bebidas vexetais non fermentadas elaboradas con materias primas con indicación xeográfica protexida, como a castaña de Galicia e a faba de Lourenzá, combinando optimización tecnolóxica con ultrasóns e caracterización química e nutricional avanzada, baixo un enfoque circular e sostible. Queríamos explorar o potencial de materias primas galegas para elaborar bebidas vexetais e obter unha caracterización completa que permita orientar melloras futuras no produto, sinala Jorge A. Custodio Mendoza.
Procedemento e análises
No centro do estudo estivo a definición dun procedemento de elaboración asistida por ultrasóns (remollo+extracción ultrasónica+ trituración+cocción) que, explica o responsable do traballo, permite reducir tempos de procesado e consumo enerxético sen penalizar a calidade global do produto, orientándose a maximizar a fracción bioactiva mantendo estabilidade e perfil nutricional. Polo que respecta á caracterización integral das bebidas, Jorge A. Custodio sinala que o traballo realizado confirma perfís complementarios e unha diferenciación clara segundo a matriz. Na avaliación físico-química, por exemplo, cita que a estabilidade coloidal en 24 h foi superior na bebida de castaña fronte á de faba, o que apunta a unha maior tendencia á sedimentación nas formulacións baseadas en leguminosas e abre unha vía de mellora tecnolóxica de textura e dispersión.
No plano nutricional, a análise elemental realizada amosou unha maior porcentaxe de nitróxeno na bebida de faba, coherente coa natureza leguminosa e co seu potencial proteico; mentres que a bebida de castaña destacou por un maior contido de proteína soluble. O perfil de carbohidratos tamén diferenciou con claridade as formulacións: nos azucres libres, a bebida de castaña estivo dominada pola sacarosa, seguida de frutosa e glicosa, mentres que a bebida de faba presentou concentracións moito máis baixas, indicando un perfil máis neutro en carbohidratos solubles. Ademais, a bebida de castaña presentou vitamina C, non detectada nas formulacións baseadas en faba. Pola contra, a bebida de faba caracterizouse por unha maior diversidade e concentración global de vitaminas do grupo B, con especial presenza de B3 e B6.
En paralelo, no proxecto Bevegal incorporáronse técnicas instrumentais avanzadas para determinar a fracción bioactiva: mediante LC-QTOF-MS/MS detectouse unha diversidade ampla de fenólicos e observouse que, nas bebidas finais, a retención fenólica foi variable segundo matriz e familia de compostos (na castaña con boa retención de compostos máis solubles e na faba cunha retención marcada de certas formas glicosiladas, como a rutina). Complementariamente, o proxecto incorporou tamén a caracterización do perfil de compostos orgánicos volátiles mediante HS-SPME-GC-MS, co obxectivo de describir os compoñentes responsables do aroma e apoiar a interpretación sensorial das formulacións.
Difusión de resultados
Os resultados de Bevegal presentáranse en artigos e foros como o congreso internacional ExTech 2025 (Alemaña), onde recibiu o premio á mellor comunicación oral, e no XXIX Encontro Luso-Galego de Química (2025) e están previstas novas comunicacións orais en ExTech 2026 (Bruxelas) e no 4th European Sample Preparation (EuSP2026) e 3rd Green and Sustainable Analytical Chemistry (GSAC2026), estes últimos programados en Galicia. Entre as seguintes etapas desta liña de investigación sitúase a avaliación sensorial e a ampliación da caracterización nutricional.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.