Notas de prensa

Prorural inicia un inventario de bens e oportunidades no territorio do Xeoparque Montañas do Courel

A Asociación Prorural Galicia, en colaboración cos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, está a desenvolver un inventario de bens e recursos territoriais co obxectivo de identificar inmobles, fincas, elementos patrimoniais e espazos produtivos que poidan converterse en novas oportunidades de actividade económica no territorio. Este mapeo forma parte dun proxecto pioneiro que busca localizar posibles recursos territoriais.

O traballo realízase xunto aos técnicos municipais de cada concello e abrangue desde edificacións tradicionais, parcelas agrarias ou mesmo bens históricos, restos arqueolóxicos industriais, como poden ser antigas ferrerías, así como terreos aptos para a implantación de empresas que contribúan á creación de emprego. Tamén se consideran os terreos localizados nas proximidades de cursos fluviais, como o cauce do río Sil, que ofrecen un elevado potencial para a implantación de iniciativas empresariais asociadas a proxectos turísticos.

Este mapeo forma parte dun proxecto pioneiro que busca localizar posibles recursos territoriais, conectalos con persoas emprendedoras e posibles inversores impulsando iniciativas capaces de dinamizar a economía local e contribuír á fixación de poboación na comarca. Neste sentido, o próximo día 1 de xuño terá lugar en Madrid a sinatura dun manifesto de colaboración para a creación dun HUB de Emprendemento e dunha sociedade de investimento ligada ao territorio. O acordo contará co apoio da xestora Oryon Universal, a comunidade de investidores de Casa de Outeiro, o Grupo Rural Manager S.L., a Asociación que engloba os concellos do Xeoparque, a Asociación de Empresarios do Xeoparque e a Asociación Quiroga en Marcha. Para o funcionamento do HUB de Emprendemento solicitarase tamén a colaboración de administracións autonómicas como o IGAPE e a Consellería de Emprego.

O modelo de traballo de Prorural nestes concellos baséase en analizar o territorio, identificar e contactar cos propietarios de bens, inmobles, fincas, espazos produtivos ou elementos patrimoniais para explorar a súa posible recuperación e posta en valor.

Para avanzar neste proceso, organizaranse reunións informativas cos veciños e veciñas dos tres concellos, co obxectivo de explicar o proxecto e facilitar que as persoas propietarias poidan comunicar os bens ou recursos dos que dispoñen e que poidan ter potencial de uso. A complexidade histórica da estrutura da propiedade no territorio, marcada polo minifundio, o abandono e a perda de referencias familiares, dificulta en moitos casos identificar quen é o titular real de moitos inmobles ou parcelas. Por este motivo, estas reunións servirán para achegar información, resolver dúbidas e localizar propiedades que poidan ser recuperadas, postas en valor e incorporadas ao inventario territorial.

Con este proxecto, desde Prorural e o resto de entidades, buscamos impulsar o desenvolvemento rural, atraer investimento, crear emprego e contribuír á fixación de poboación nestas zonas, servindo ademais como proxecto piloto para futuras implantacións noutros territorios.

Asociación Prorural Galicia, 2026-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES