Notas de prensa

A Universidade da Coruña, a través do CITEEC, participa no lanzamento do proxecto europeo TiBeRIUM

A UDC, a través do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, participa no proxecto europeo TiBeRIUM, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea destinada a impulsar novas capacidades tecnolóxicas e estratéxicas para o fortalecemento da defensa europea. O proxecto, concedido pola Comisión Europea en xaneiro deste ano, celebrou esta semana a súa Kick-off Meeting.

TiBeRIUM está liderado pola Universidade Alemá da Minaría de Freiberg, e reúne a entidades académicas, tecnolóxicas e industriais de distintos países europeos co obxectivo de realizar investigación aplicada e desenvolver solucións innovadoras orientadas a mellorar a resiliencia, a seguridade e as capacidades operativas no ámbito da extracción de materias primas de utilidade no desenvolvemento tecnolóxico avanzado e a cooperación interdisciplinar entre institucións europeas.

A participación da UDC canalízase a través do CITEEC, centro de referencia en investigación e innovación tecnolóxica, que achegará a súa experiencia en análise do comportamento humano, sustentabilidade e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas a contornas complexas e de alta esixencia.

O equipo da Universidade da Coruña dentro do proxecto está liderado polo Catedrático Dr. Ricardo García Mira, referente internacional en psicoloxía social e ambiental aplicada, cuxa traxectoria investigadora estivo estreitamente vinculada ao estudo da interacción entre as persoas, a tecnoloxía e a contorna.

O seu liderado permitirá reforzar a contribución da UDC en ámbitos relacionados co factor humano, a toma de decisións e a adaptación das solucións tecnolóxicas a contextos operativos complexos. Na reunión participaron tamén o Profesor Fernando Bruna, da Facultade de CC. Económicas, e a Dra. Nailya Saifulina da Universidade de Santiago de Compostela, ambos os dous investigadores do ECOBAS.

Con esta participación, a Universidade da Coruña consolida a súa presenza en proxectos estratéxicos europeos de alto impacto e reafirma o seu compromiso coa investigación colaborativa, a innovación e a transferencia de coñecemento ao servizo dos grandes retos da sociedade europea.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-05-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES