Notas de prensa

Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, triunfa nos XXX Premios María Casares con seis galardóns

O teatro galego celebrou a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

Un palmarés repartido

Xunto ao éxito de Reconversión, a 30ª edición dos premios recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

A voz do sector: reivindicación desde o inicio

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán".

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: "Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida". Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "non nos agasallan con nada".

Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: "Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados", e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: "unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra".

Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo

Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997. O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.

A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o elenco —Arantza Villar, Carlos Mosquera "Mos", María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de "Oxalá estiveras aquí" acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.

Reivindicación e compromiso: o teatro como "chave"

Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha "chave decisiva" para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da "caricatura ao suxeito" e pechou a súa proclama cun unánime "Viva o Teatro Galego!".

A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez. O acto contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Governo, Julio Abalde; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros representantes institucionais.

A festa rematou coa canción "Eu son Feliz" e un brinde colectivo de premiados e equipo técnico sobre as táboas do Rosalía, selando unha noite que reafirma os María Casares como o gran referente das artes escénicas en Galicia.

LISTAXE DE CANDIDATURAS PREMIADAS

IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)
Mellor espectáculo
Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo
Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso
Mellor actor secundario: Fran Lareu
Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo
Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)
Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito
Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

MORRAOCONTO: TROMSØ (2)
Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro "Coti"
Mellor iluminación: José Faro "Coti"

GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)
Mellor espectáculo infantil
Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)
Mellor actor protagonista: Fran Lareu

TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)
Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)
Mellor vestiario: Carolina Díguele

ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)
Mellor maquillaxe: Ártika Cía

XXX Premios de Teatro María Casares, 2026-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES