
O 29 de maio chega ao salón de graos da Facultade de Filoloxía unha nova edición da Xeira CLARIAH-GAL, un encontro dedicado ás Humanidades Dixitais e ás tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.
A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
A Xeira busca favorecer o intercambio de coñecemento e a creación de redes entre investigadoras e investigadores que traballan nestes ámbitos. Durante a xornada haberá intervencións convidadas e un espazo para a presentación de pósters en que se darán a coñecer proxectos, recursos e iniciativas impulsadas en Galicia ou por grupos de investigación galegos.
O prazo para o envío de propostas de póster dun proxecto, liña de investigación, recurso ou grupo de investigación encóntrase aberto ata o 17 de abril.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.