Notas de prensa

20 actuacións para a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Do 23 de abril ao 8 de maio celebrarase a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Co lema O espazo que ti habitas, traerá a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos nos que as aulas de teatro e danza dos diferentes campus da Universidade de Vigo terán un papel destacado. A cita foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que financian ou apoian a actividade.

Estaban presentes Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense; Xosé Luis Troitiña, xerente do Liceo; Fernando Dacosta, director da Miteu desde Sarabela Teatro, e Sandra Quintas, xefa territorial de Cultura en Ourense. Nas súas intervencións destacaron a dilatada traxectoria desta cita de referencia teatral, a calidade da súa programación e o feito de ser posible grazas á colaboración das diferentes entidades implicadas.

Teatro, danza, música e formación

A programación desta edición arrancará o día 23 a cargo da Aula de Danzas do Mundo do campus de Ourense, que ofrecerá no Liceo unha mostra interactiva de danzas do mundo e de danza de Palestina; e da Aula de Teatro do Campus de Ourense Rosaura, que representará nas rúas do centro da cidade o seu espectáculo Bocados. Tras esta apertura actuarán no Liceo ou no Teatro Principal aulas de teatro dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense (Universidade de Vigo); dos campus de Lugo e Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), e das universidades de Pamplona, Burgos e da Beira Interior (Covilhã-Portugal). Ademais, na celebración da 15ª Xornadas de Danza que terá lugar nesta 31ª Miteu haberá representación das tres universidades públicas galegas e de A Casa Vella.

Fóra do ámbito universitario, a Miteu contará con actuacións de Teatro del Barrio, Marta Doviro, Teatro Anaqueronte (Perú), La Líquida e Paula Carballeira. E xa fóra da representación teatral, haberá un concerto de Iberican Roots. Por último, a formación volverá a ter un oco nesta edición da mostra con dúas actividades no campus de Ourense. Haberá un obradoiro titulado Laboratorio de creación, a cargo de Teatro Anaqueronte, e unha masterclass de Movemento: enerxía, factores e calidades, con Javier R. de la Varga (Teatro El Mayal-León). Como xa é tradición, a clausura deste 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense correrá a cargo da Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña, que representará no Teatro Principal a súa obra Insurrección.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-03-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES