
O proxecto, financiado con 315.000 euros pola Schmidt Initiative for Long Covid (SILC), terá unha duración de 18 meses e xorde por mor do interese xerado por unha serie de traballos científicos previos desenvolvidos polo equipo que lidera Rebeca García Fandiño no CiQUS, que demostraron que a COVID persistente descríbese mellor como un continuo de gravidade biolóxica en lugar de subtipos clínicos discretos. A solidez e coherencia destes achados chamou a atención da iniciativa SILC, que convidou o equipo a desenvolver unha nova fase de investigación orientada á validación de biomarcadores con aplicación clínica potencial.
A COVID persistente, tamén coñecido como Long COVID, afecta aproximadamente ao 10-15% das persoas que superaron unha infección por SARS-CoV-2, o que representa decenas de millóns de pacientes en todo o mundo. Moitos deles continúan presentando síntomas durante meses ou mesmo anos, como fatiga crónica, dificultades cognitivas, disnea ou intolerancia ao esforzo, cun impacto significativo na súa calidade de vida e capacidade funcional. A pesar da súa alta prevalencia, o diagnóstico da COVID persistente segue baseándose en gran medida na avaliación clínica de síntomas, sen probas moleculares obxectivas que permitan confirmar a enfermidade ou avaliar a súa gravidade biolóxica de maneira fiable. Esta limitación dificulta tanto a atención aos pacientes como o desenvolvemento de tratamentos efectivos.
O proxecto financiado pola Schmidt Initiative for Long Covid baséase nunha traxectoria científica consolidada do equipo do CiQUS e a USC. Nos últimos anos, o equipo investigador publicou catro artigos científicos en revistas internacionais, analizando a COVID persistente desde diferentes enfoques moleculares, sempre baseados en cohortes clínicas ben caracterizadas. Dous destes estudos empregan proteómica cuantitativa aplicada a plasma e fraccións celulares, describindo alteracións persistentes asociadas á COVID persistente en procesos inflamatorios, inmunolóxicos, vasculares e metabólicos. Un deles demostra ademais a detección de antíxenos virais do SARS-CoV-2 mediante proteómica dirixida. Un terceiro traballo aborda a enfermidade desde unha perspectiva de lipidómica non dirixida, identificando un remodelado lipídico extenso (incluíndo lípidos de membrana e de sinalización) compatible con alteracións metabólicas sostidas no contexto do COVID persistente. Finalmente, un cuarto estudo baseado en técnicas espectroscópicas aplicadas a plasma mostra que as pegadas bioquímicas globais reproducen patróns consistentes cos observados mediante enfoques ómicos máis complexos.
En conxunto, estes traballos demostraron que a heteroxeneidade da COVID persistente non se organiza en subtipos pechados, senón que se distribúe ao longo dun continuo de gravidade biolóxica, o que reflicte diferentes graos de alteración sistémica. Esta coherencia entre enfoques foi clave para espertar o interese da Schmidt Initiative for Long Covid en apoiar unha fase máis aplicada da investigación.
Validación de biomarcadores
O novo proxecto baséase en material biolóxico de LC-Optimize (Identification of Long-COVID Sub-Phenotypes to Optimise Patient Outcomes), un estudo multicéntrico internacional sobre COVID persistente que reúne cohortes clínicas ben caracterizadas en diferentes países. A dispoñibilidade destas mostras, obtidas baixo protocolos harmonizados e acompañadas de información clínica detallada, permite ao equipo do CiQUS abordar a validación de biomarcadores nun contexto internacional e comparativo, reforzando a robustez e relevancia clínica dos resultados. O acceso a este material enmárcase no apoio activo da Schmidt Initiative for Long Covid, que promove a investigación colaborativa entre múltiples socios en todo o mundo, co obxectivo de traducir os achados científicos en aplicacións clínicas que beneficien aos pacientes con COVID persistente.
Equipo
O proxecto está coordinado desde o CiQUS por Rebeca García Fandiño, investigadora principal do centro, xunto con Ángel Piñeiro, profesor titular do departamento de Física Aplicada da USC, que achega experiencia en biofísica e análise computacional. Rebeca García Fandiño e Ángel Piñeiro codirixen o grupo SIMBIOS (Simulation and Molecular Biophysics of Biomolecular Systems), un grupo de investigación da USC dedicado á biofísica molecular e a modelización biomolecular, que contribúe ao proxecto con ferramentas avanzadas para a análise e integración de datos complexos. Tamén participan como investigadores implicados Uxía Lage Vidal, Paula Antelo-Riveiro, Alejandro Seco-González, todos do CiQUS, e Susana Bravo, xefa da Unidade de Proteómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Os estudos previos que levaron ás publicacións científicas contaron ademais coa colaboración do persoal clínico do Hospital Clínico Universitario de Santiago, entre eles Emilio Rodríguez Ruiz e María Jesús Domínguez, responsables da caracterización clínica da cohorte utilizada nesa fase inicial. Aínda que estes profesionais non participan no proxecto actualmente financiado, a súa contribución foi clave para o desenvolvemento da liña de investigación.
A Schmidt Initiative for Long Covid (SILC) impulsa a atención clínica dos pacientes con COVID persistente a nivel global. Esta organización sen ánimo de lucro, fundada en 2023 polos filántropos Eric e Wendy Schmidt, traballa para elevar o nivel de atención e comprensión do COVID persistente en todo o mundo. SILC conecta a especialistas e provedores de atención primaria para apoiar aos pacientes e compartir coñecementos de maneira virtual e en tempo real.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.