Notas de prensa

Galicia sinala o futuro da fotónica autosuficiente e de baixo consumo no proxecto 'bLOSSom'

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC acaba de obter un novo proxecto europeo que impulsará o desenvolvemento de sistemas fotónicos capaces de alimentarse a si mesmos e reducir drasticamente o consumo enerxético en aplicacións de IA e procesamento masivo de datos. A iniciativa internacional 'bLOSSom' combinará investigación na fronteira do coñecemento e innovación tecnolóxica cun liderado científico con forte presenza feminina.

Das 2.087 propostas remitidas desde 71 países distintos no ano 2025 ao programa Horizon-EIC-2025-Pathfinder, unicamente 44 obtiveron financiamento deste programa de axudas á innovación no marco comunitario, dotado con máis de 140 millóns de euros para impulsar tecnoloxías radicalmente disruptivas en fases moi temperás de desenvolvemento.

A coordinación deste proxecto, que arrancou oficialmente o pasado 1 de marzo, recaerá na Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), que será a institución responsable de liderar un consorcio internacional integrado por entidades de España, Polonia, Portugal e Irlanda; entre elas, a rede de investigación Łukasiewicz (Polonia), o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), F6S Network (Irlanda), o propio CiTIUS e a spin-off do centro energHius. O proxecto desenvolverase durante os vindeiros catro anos.

Recuperar a enerxía perdida

O principal foco investigador de bLOSSom (acrónimo en inglés de Self-Sustained Photonic Systems through Autonomous LOSS Harvesting, Sistemas Fotónicos Autosostidos mediante Captación Autónoma de Perdas Enerxéticas) centrarase na fotónica integrada, a tecnoloxía que emprega a luz para procesar e transmitir información dentro dos chips. Aínda que esta tecnoloxía ofrece enormes vantaxes en velocidade e eficiencia, os seus dispositivos seguen xerando perdas enerxéticas durante o seu funcionamento. bLOSSom propón reutilizar a chamada enerxía parasita —aquela que actualmente se perde en forma de calor ou radiación nos propios compoñentes fotónicos— para alimentar o sistema, aproveitando así unha valiosa cantidade de enerxía. Unha ambiciosa idea da que dá conta o obxectivo último do proxecto, cuxa finalidade é que os dispositivos poidan chegar a operar con necesidades externas de enerxía próximas a cero.

Para conseguilo desenvolveranse interfaces electroópticas, capaces de converter sinais ópticos en eléctricos e dirixir esa enerxía cara a unha unidade de xestión enerxética integrada (Power Management Unit, PMU), que almacenará e liberará enerxía baixo demanda. O proxecto explorará distintas solucións tecnolóxicas, desde unións electroópticas avanzadas ata o uso de materiais bidimensionais (como o grafeno) ou sistemas inspirados en mecanismos fotosintéticos recreados no laboratorio. Un dos obxectivos máis ambiciosos é desenvolver un módulo fotónico integrado capaz de alimentarse a si mesmo e de activar o sistema sen depender dunha fonte de enerxía externa. Este avance podería permitir o desenvolvemento de redes fotónicas modulares ultra-masivas e solucións neuromórficas (arquitecturas de intelixencia artificial inspiradas no cerebro humano) cuxo tamaño poida medrar exponencialmente sen un aumento proporcional do consumo enerxético. As estimacións apuntan a reducións de entre 100 e 1.000 veces respecto ás arquitecturas actuais, con implicacións directas en centros de datos, infraestruturas dixitais críticas, sensores médicos e robótica industrial.

Nun escenario global marcado pola competencia tecnolóxica e a dependencia europea de compoñentes estratéxicos fabricados fóra da UE, iniciativas como bLOSSom contribúen a reforzar a soberanía tecnolóxica en microelectrónica avanzada e fotónica intelixente en Europa.

Liderado feminino

Dentro do consorcio internacional, o CiTIUS asumirá, xunto con energHius (spin-off xurdida da investigación desenvolvida no propio centro e constituída como empresa de base tecnolóxica na USC), o deseño da arquitectura enerxética do sistema. A coordinación científica do equipo do CiTIUS recaerá en Paula López, directora adxunta do centro de investigación da USC e responsable do plan de integración heteroxénea dos distintos compoñentes do sistema. A investigadora experta en microchips explica que “o noso reto é deseñar unha arquitectura capaz de captar, almacenar e reutilizar a enerxía que o propio sistema fotónico xera e malgasta. Estamos a desenvolver unha unidade de xestión enerxética autónoma, en tecnoloxía CMOS comercial, que permita o arranque independente do sistema e garanta a integración e interoperabilidade entre os compoñentes fotónicos e electrónicos. O obxectivo é demostrar que a autosuficiencia enerxética en fotónica integrada é viable e escalable”.

Xunto á responsable de bLOSSom no CiTIUS, o equipo do centro complétase cos investigadores Víctor Brea e Fernando Pardo e a investigadora predoutoral Laura Vicente, reforzando a dimensión técnica e o liderado feminino do grupo nun ámbito estratéxico para a transición enerxética e dixital. A implicación de energHius (quinta spin-off do CiTIUS), consolida ademais a conexión entre investigación académica e innovación empresarial. A empresa naceu en marzo de 2025 como resultado de máis de vinte anos de investigación en deseño de circuítos integrados de ultra baixo consumo, e o seu obxectivo fundacional é trasladar ao mercado solucións avanzadas de captación e xestión enerxética a escala micrométrica.

Con este novo recoñecemento entre as institucións apoiadas polo organismo de referencia no financiamento dos proxectos máis vangardistas en Europa, o CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027) consolida a súa posición en microelectrónica avanzada e intelixencia artificial enerxeticamente eficiente, reforzando o papel da USC como polo internacional de innovación tecnolóxica e contribuíndo ao fortalecemento da autonomía estratéxica europea.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES