Notas de prensa

Os Consellos Sociais da UDC e a USC lanzan AddVenture 2026 apostando pola IA como ferramenta esencial para emprendedores

AddVenture abre o prazo de inscrición para a súa cuarta edición, un programa universitario de emprendemento e innovación baseado en formación práctica e mentoría aplicada para aquelas persoas que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio ou ao seu proxecto emprendedor. A iniciativa está impulsada polo Consello Social da UDC e o da USC coa colaboración de TeamLabs, laboratorio de aprendizaxe en emprendemento da Mondragon Unibertsitatea.

Está deseñado para acompañar persoas emprendedoras no desenvolvemento real dos seus proxectos a través dun curso práctico e de aplicación directa no seu propio proxecto, empregando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN -Liderado Emprendedor e Innovación-, que se realiza en TeamLabs/, e o enfoque “learning by doing”.

Combina formación, mentoría e networking para que as persoas participantes poidan avanzar na súa proposta de negocio ou transformala, mellorar a súa estratexia e desenvolver o proxecto a través de competencias en dixitalización, vendas e liderado.

Este programa gratuíto, financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e da USC, ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións en liña e encontros presenciais puntuais para favorecer a aprendizaxe práctica e a interacción con persoas expertas. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de abril en https://addventurehub.es e conta con 30 prazas.

Converte a túa idea nun negocio sostible

AddVenture diríxese a persoas emprendedoras (persoas graduadas e posgraduadas universitarias, profesionais, persoas autónomas, microempresas e persoal investigador de universidades galegas e do resto de España) que queren impulsar unha idea ou un proxecto cun enfoque práctico, acompañado e orientado á execución.

Nesta edición priorizaranse proxectos vinculados aos seguintes ámbitos de coñecemento: Enxeñaría, Arquitectura e Tecnoloxías Dixitais; Saúde, Benestar e Envellecemento Activo; Sostibilidade e Economía Circular; Turismo Intelixente, Patrimonio e Economía Cultural; Humanidades Dixitais e Innovación Social; e Emprendemento Científico e Transferencia de coñecemento, orientado a transformar resultados de investigación en solucións de valor económico e social.

Novidades 2026: Tech, Masterclass e reforzo financeiro

AddVenture incorpora nesta cuarta edición un enfoque tecnolóxico transversal reforzado por un ciclo de masterclass tech aplicadas, orientadas a conectar emprendemento, tecnoloxía e contexto actual. Entre as temáticas previstas inclúense o emprendemento con impacto, o uso da IA na investigación con persoas usuarias e a identificación de sesgos en sistemas de IA.

No eido económico-financeiro, AddVenture 2026 inclúe un novo módulo de Finanzas Avanzadas e proxeccións económicas para afondar na construción de escenarios e métricas no desenvolvemento dos proxectos emprendedores.

Obradoiro práctico para crear unha demo/prototipo con IA sen programadores

Como acción formativa previa e destacada, incorpora un obradoiro presencial orientado á creación de demos/prototipos de ideas ou proxectos de emprendemento con IA empregando linguaxe natural, sen depender dun equipo técnico nas fases iniciais, algo que pode axudar a reducir custos de desenvolvemento ao comezo do proxecto. Todo isto mediante diferentes ferramentas, ademais de contidos prompting, automatización e boas prácticas de seguridade.

O obradoiro celebrarase no Centro de Investigación en TIC da UDC (CITIC), contará cun máximo de 45 prazas e será impartido polos expertos Daniel Alías e Álvaro Sánchez.

Formación con TeamLabs/, referente en emprendemento

O claustro de profesorado estará integrado maioritariamente por docentes e persoas expertas vinculadas a TeamLabs/, laboratorio referente pola súa metodoloxía de aprendizaxe baseada no emprendemento en equipo e no “learning by doing”. A metodoloxía céntrase na aprendizaxe práctica a través da creación de empresas e proxectos reais, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades e competencias.

Desde o seu lanzamento, AddVenture formou a máis de 75 persoas emprendedoras e impulsou máis de 30 proxectos. Con esta cuarta edición, continúa consolidándose como unha referencia na formación para persoas emprendedoras en Galicia.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES