Notas de prensa

eXXperimenta en Feminino somerxe a case 400 escolares na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas sen prexuízos de xénero

Case 400 rapaces participaron no campus de Ourense na IX Feira eXXperimenta en Feminino, a cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), froito do compromiso da UVigo, que quere contribuír a rachar coa falta de referentes femininos científicos neste eido e coa desproporción entre homes e mulleres.

A feira celébrase no edificio Politécnico co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estivo aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.

Na visita á feira, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que “é moi importante que a rapazada veña ao noso campus, pasee polas nosas facultades, coñeza ás nosas investigadoras e investigadores e o traballo que realizan, que participen en experimentos e que vexan a importancia da ciencia para a sociedade e como esa ciencia tamén a fan mulleres”. Pola súa banda, en nome do colectivo organizador, a profesora Alma Gómez sinalou que “seguimos celebrando esta feira coa mesma ilusión de sempre, porque cada ano nos chaman máis colexios interesados en vir e temos que deixar sempre algúns fóra pero coa pena de ter que seguir facéndoa porque persiste a desigualdade nas carreiras CTEM”. Así, lembrou que aínda que arredor do 50% do alumnado universitario é feminino esta cifra é inferior ao 30% nas carreiras CTEM e en titulacións como Enxeñaría Informática está arredor do 15%. Amosando a satisfacción polos resultados que cada ano colleita esta iniciativa, a profesora subliñou que “a organización desta feira comeza co inicio do curso académico e leva moito traballo detrás”, felicitando a todas as persoas e grupos implicados polo traballo feito para que a rapazada “vexa que as mulleres tamén facemos ciencia”.

Experimentar e aprender

Ao longo da mañá, as e os escolares percorreron cada un dos 13 postos da feira para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan. Os postos estiveron relacionados con diferentes aspectos do traballo investigador que realizan os diferentes grupos de investigación do campus de Ourense implicados nesta feira. Entre as numerosas actividades científicas ofrecidas neles, principalmente por investigadoras pero tamén por investigadores, o público puido ver microorganismos da auga; coñecer o valor oculto na biomasa; crear un arco da vella; coñecer como se forman as nubes e os tornados e a loita insectfriendly contra a vespa velutina. Tampouco faltaron experiencias como ver o funcionamento dun túnel de vento de aeronáutica; programar con ferramentas sinxelas; e coñecer como os residuos poden ter unha segunda vida e o poder das encimas. Achegarse á importancia do solo e do Adn ou realizar un ‘escape room’ para aprender conceptos de refinería e de biorefinería foron outras das propostas para o alumnado que se achegou a eXXperimenta.

A programación da tarde, aberta ás persoas interesadas, inclúe a conferencia Barbies e robots, ofrecida por Deborah García Bello (A Coruña), investigadora en ciencia dos materiais, escritora e divulgadora científica autora do blog de divulgación Deborahciencia. Será ás 16.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, non sendo necesaria inscrición previa. Por último, na celebración de eXXperimenta en Feminino entregaranse os galardóns do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, organizado por este colectivo.

Mulleres na industria e a empresa

A programación relacionada co 11F no campus de Ourense completouse este venres coa celebración da xornada Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. A actividade quixo ser “un espazo de inspiración, aprendizaxe e diálogo coas profesionais invitadas, referentes nos seus ámbitos e exemplos de compromiso, innovación e liderado”, tal e como sinalaron desde o centro. Moderada pola profesora Isabel Diéguez, a cita contou coa participación de Dora Casal (xerente de Roberto Verino); Alicia María Gómez (xerente de Inplasor Galicia) e de Lucía Novel (directora de Ingeo Enxeñería Xeotérmica). Con esta actividade a facultade quixo “contribuír a recoñecer, visibilizar e apoiar o papel das mulleres na construción dun futuro máis xusto, creativo e sostible”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES