Notas de prensa

Un informe do IDEGA valora a intelixencia artificial como unha oportunidade para a economía galega

A produtividade nas empresas vese beneficiada cando a IA complementa ás persoas e os procesos, pero esmorece cando non existe un redeseño no fluxo de traballo. Así queda reflectido no informe especial sobre a economía galega que publica anualmente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que nesta ocasión analizou o papel da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto no emprego.

Para Senén Barro, coordinador e autor do informe xunto con Marcos Almeida Cerreda, Luis Míguez Macho e Luis Alberto Otero, “non se debe prescindir de profesionais, senón sumarlles as capacidades que ofrece a IA”.

Galicia conta cunha implantación da IA por baixo da media estatal (10,3% fronte a 11,4%) e da Unión Europea (13,5%). Fronte a este dato, Barro explica que “non nos interesa tanto a cantidade de empresas que adoptaron IA, senón se lle están sacando rédito”. “Porque -afirma- as pemes deberían repensar como integrar a IA para innovar, cal é o uso axeitado; hai todo un camiño de adopcións de valor engadido”. Neste senso, subliña a necesidade de que as empresas contacten con expertos que lles poidan prestar asesoramento, xa que na actualidade a presenza de talento en IA nas empresas é reducida (1,89% dos especialistas TIC).

O infoeme reflexiona sobre a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia (LIAG), que debe concretar aspectos no seu regulamento respectando o marco normativo europeo e español “para engadir certeza na economía galega”, engade Barro, que abre unha fiestra de luz ao considerar que Galicia dispón de “todos” os instrumentos necesarios para a adopción da IA con impacto na produtividade, como son o sector TIC, a actividade de I+D e a formación de talento nas universidades públicas.

Entre as recomendacións que expoñen os autores, figuran a creación de plataformas seguras de intercambio de datos entre empresas e sector público, un programa de impulso á adopción da IA nas pemes, programas intensivos de mellora de competencias e reciclaxe profesional, reforzar capacidades directivas, crear un sistema estatal-autonómico de estatísticas homologables e abertas para comparar con transparencia e solventar a fenda en márketing, vendas e I+D, onde Galicia conta cun menor uso da IA. “Debemos apostar por unha IA confiable, o que pasa por explicación, supervisión humana e seguridade. A IA confiable é rendible”, conclúen no informe.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES