Pouco despois, liderado desde a parte portuguesa polo Instituto Politécnico de Bragança (IPB) e desde a parte española pola Universidade de Vigo, comezouse a traballar nel a través de Net4Food, un proxecto europeo que está na súa fase final e que conta con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder. Ademais da UVigo e o IPB, participan nel o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor. Ao longo destes tres anos, os socios de Net4Food traballaron na creación dunha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal como base para a futura creación deste Iberian FoodTec Lab. A participación de Universidade de Vigo no proxecto está canalizada a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e en liña co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
Na xuntanza celebrada este xoves no campus de Ourense participaron por parte da Universidade de Vigo o reitor Manuel Reigosa; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e David Fernández Calviño, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Por parte do Instituto Politécnico de Bragança participaron o seu presidente, Orlando Rodrigues; José Alberto Pereira, Lillian Barros e Filomena Barreiro, respectivamente coordinador e vicecoordinadoras do Centro de Investigação de Montanha; e Albino Bento, director executivo do Laboratório Colaborativo More.
O Instituto Politécnico de Bragança é un parceiro e socio noso desde hai moito tempo en temas de investigación, de doutoramento, etc. e hai tres anos comezamos, tras ser aprobado polos dous gobernos, o portugués e o español, a creación deste laboratorio, con participación prioritaria da Universidade de Vigo-campus de Ourense e o IPB, explicou Manuel Reigosa antes da xuntanza. Tras tres anos de traballo no desenvolvemento das bases deste futuro laboratorio a través do proxecto Net4Food, as dúas institucións buscan agora dar o seguinte paso e tentar levar ao próximo cumio luso-español ou hispano-luso a nosa proposta do que queremos para este laboratorio. O reitor lembrou a importancia deste proxecto para as dúas institucións académicas, lembrando como o ránking de Shanghai sitúa a UVigo como a mellor universidade de España e 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e como o IPB ocupa posicións moi similares ás nosas neste eido.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.