
Centrada en promover, sinalan, a cocreación de políticas baseadas na evidencia científica, nesta iniciativa insírese tamén o desenvolvemento dun proxecto piloto na cidade de Pontevedra, que leva á súa vez á creación dun Comité Cidadán polo Clima, que nestas semanas mantén aberta a súa inscrición.
O proxecto Plataforma ODS: Plataforma de ciencia aberta para o impulso local dos ODS foi seleccionado nunha convocatoria para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implantación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e financiado con preto de 120.000 euros polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030. Coordinado por Brais Suárez, as integrantes do Post-Growth Innovation Lab Cristina Míguez, Susana Bastón e Cristina Vázquez forman parte do equipo de traballo dun proxecto no que se insire unha iniciativa pioneira en Galicia, como é a posta en marcha do Comité Cidadán polo Clima, aberto a calquera persoa maior de idade residente en Pontevedra.
Para o desenvolvemento desta plataforma, explica Míguez, procederase en primeiro termo á creación de indicadores que midan o cumprimento dos ODS, para logo ir incorporando á plataforma web datos a escala local. Isto conseguirase, sinala, coa incorporación a este espazo de datos procedentes de fontes oficiais por parte do persoal investigador e cos obtidos a través de proxectos de ciencia cidadá, ao tempo que buscarase que os propios municipios poidan introducir os seus datos.
Unha iniciativa pioneira en Galicia
Nesa idea de impulsar iniciativas de ciencia cidadá que nutran esta plataforma cos datos obtidos insírese o proxecto piloto, promovido coa colaboración do Concello, que o Post-Growth Innovation Lab levará a cabo en Pontevedra. Esta iniciativa abrangue, por unha banda, o traballo con estudantes de secundaria do municipio no desenvolvemento de investigacións científicas para axudar a esclarecer como abordar a crise climática a nivel municipal, nun proxecto de ciencia cidadá cuxos resultados se integrarán na plataforma dixital. Ao mesmo tempo, explican os promotores do proxecto, o obxectivo é que a metodoloxía empregada nesta iniciativa permitan que iniciativas deste tipo poidan reproducirse noutros lugares e centros educativos.
Esta proposta conectarase á súa vez co Comité Cidadán polo Clima, un grupo voluntario de persoas que reunirase mensualmente para debater e presentar as súas suxestións para a elaboración de propostas políticas. Trátase, como sinalan desde o Post-Growth Innovation Lab dunha iniciativa pioneira en Galicia, que procura sentar as bases para unha participación cidadá activa, contribuíndo a que un grupo composto por persoas que representen a diversidade da sociedade, incluídos os grupos vulnerables, traballe, a través de metodoloxías participativas innovadoras, na elaboración de propostas de medidas e recomendacións para abordar a crise climática a nivel municipal.
Consumo de alimentos e cambio climático
Nomeadamente, o seu labor no marco deste proxecto piloto centrarase na análise do patrón de consumo de alimentos na cidade, pondo o foco en cuestións como que produtos se consumen en maior medida, onde se mercan, a frecuencia de compra e outros aspectos que poden aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro, agravando así o cambio climático. O seu obxectivo é elaborar con apoio científico, propostas para mitigar os efectos do cambio climático relacionados co consumo de alimentos. Para a súa definición, este comité basearase á súa vez nos resultados do proxecto de ciencia cidadá desenvolvido co estudantado do municipio, de tal xeito que unha das súas reunións será precisamente coas persoas participantes no proxecto de ciencia cidadá, para que estas poidan explicarlles a súa investigación, salienta Míguez.
Ata o 10 de febreiro permanece aberta a enquisa para poder participar neste comité cidadán, aberto a persoa maiores de idade, residentes en Pontevedra, que poidan comprometerse a participar nas sesións de traballo organizadas polo equipo do proxecto. Tratarase, en concreto, de sesións mensuais, dun máximo de catro horas, que se levarán a cabo entre febreiro e xuño.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.