Notas de prensa

Vigo convértese no primeiro campus español en dispor dun servizo de vehículo autónomo conectado

Vigo será o primeiro campus en España en dispor dun servizo de vehículo autónomo e conectado que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria para os seus desprazamentos entre edificios. O vehículo, desenvolto integramente en Galicia e con capacidade para 8 persoas, non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables.

Este xoves presentouse en Vigo o piloto de ciberseguridade do vehículo autónomo sobre rede 5G, un acto no que se contou coa intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, Luis Moreno; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, e o director de Amtega, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, en representación de tres das entidades participantes nun proxecto ao que todos se referiron como “magnífico exemplo” de colaboración entre administracións.

O vehículo, desenvolto integramente en Galicia e con capacidade para 8 persoas, non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables, un proxecto que, tal e como se explicou durante a presentación, sitúa á comunidade galega á vangarda tecnolóxica internacional no ámbito da mobilidade intelixente.

A idea é que a lanzadeira comece a funcionar o vindeiro 2 de febreiro, pero a súa estrea realizouse xa este xoves cun pequeno itinerario entre a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a praza Erasmo no que participaron as autoridades asistentes á presentación, quen, unha vez feito o percorrido o valoraron como “unha experiencia moi satisfactoria”.

“Temos que sacar peito por este tipo de proxectos”

“Nun país pequeno como o noso, pero moi preparado desde o punto de vista técnico, temos que sacar peito por este tipo de proxectos que son froito da colaboración entre todos”, salientou Reigosa, quen admitiu sentir unha “tremenda ledicia” por amosar os resultados dun proxecto realizado entre entidades “que levamos moitos anos colaborando”, facendo fincapé en que “a Universidade de Vigo está encantada de participar neste tecido asociativo”.

Pola súa banda, o conselleiro destacou que este piloto é resultado dun acordo adoptado pola Xunta para destinar preto de 8,5 millóns de euros -dos que a administración autonómica, a través da Amtega, achegou o 75%- á creación dunha rede de laboratorios sobre ciberseguridade no transporte. “Detrás da consolidación deste logro hai moito traballo cun apoio permanente da Xunta para favorecer e impulsar a dixitalización e a innovación do sector”, dixo, lembrando que o primeiro coche autónomo que circulou por España foi fabricado en Galicia e percorreu, o 23 de novembro de 2025, un traxecto entre Vigo e Madrid de 600 quilómetros. “En definitiva, todo un conglomerado público-privado que favorece a continua expansión dun sector que representa máis do 15% do PIB galego, factura cerca de 13.000 millóns de euros anuais e supón máis do 30% das exportacións de Galicia”, abundou.

Desde a dirección xeral do CTAG, Luis Moreno destacou que este proxecto reforza a colaboración coa Universidade de Vigo e o seu papel como contorna estratéxica para a investigación, a experimentación e a transferencia tecnolóxica. Así mesmo, explicou que a estrea do vehículo no campus de Vigo supón un novo caso de uso desta lanzadeira autónoma desenvolvida polo CTAG. Nesta liña, sinalou que a ciberseguridade é un piar esencial para o despregamento da condución autónoma e conectada, e puxo en valor a fortaleza do ecosistema galego de innovación para liderar proxectos estratéxicos en mobilidade intelixente, conectividade 5G e ciberseguridade.

Circuíto circular de tres quilómetros e seis paradas

Os encargados de dar os detalles do proxecto foron os seus investigadores principais: Felipe Gil e Ana Fernández Vilas, do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, xunto co director da División de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG, Francisco Sánchez Pons.

Gil explicou que este proxecto se levou a cabo ao abeiro do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica, Retech, grazas ao acordo asinado pola Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia( Amtega), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para o desenvolvemento conxunto de actividades relacionadas coa ciberseguridade, a conectividade vehicular e o transporte intelixente.

“Ao abeiro deste convenio desde a UVigo estamos a construír un laboratorio relacionado con comunicacións 5G/6G e ciberseguridade que estará aberto a terceiros e no que, precisamente, se busca crear escenarios de experimentación nos que probar as boas prácticas de ciberseguridade relacionadas coas comunicacións e o transporte intelixente”, indicou o investigador, ao que engadiu que unha destas liñas de actuación é, precisamente, a relacionada cos vehículos autónomos.

O shuttle conectado (vehículo lanzadeira eléctrico e autónomo) estará operando, a modo de proba piloto, a partir do vindeiro 2 de febreiro e ata o mes de xuño, cinco meses nos que funcionará realizando un circuíto circular fixo de 3 quilómetros de extensión que poderá empregar calquera membro da comunidade universitaria e para o que, en principio, hai habilitadas seis paradas: Reitoría/biblioteca, CC Económicas, Citexvi, CC Experimentais, Cintecx e EE de Telecomunicacións. “Desde o punto de vista do uso, empregarase ese período piloto para a recollida datos de uso e frecuencias e así poder ir axustando o percorrido e horarios ao que demande a comunidade universitaria”, explicou Ana Fernández Vilas, quen salientou a importancia dun proxecto que converte o campus de Vigo “nun gran banco de probas de transporte intelixente e ciberseguridade”.

Así mesmo, Gil fixo fincapé en que a UVigo está a desenvolver unha rede experimental de conexións 5G e 6G que vai cubrir todo o campus, o que lle proporciona á lanzadeira conectividade directa. Nesta liña, indicou que o vehículo irá equipado con diferentes cargas útiles que permitirán a realización de múltiples probas que “en ningún momento afectarán ao servizo nin á seguridade do sistema”. A maiores, tamén se apuntou que, se ben o circuíto xa está deseñado, ao longo das vindeiras semanas faranse diferentes probas de uso -horarios e paradas- e, dependendo dos datos de uso que se vaian rexistrando por parte da comunidade universitaria, irase optimizando o servizo, explicou o investigador, quen admitiu “non constarlle outros lugares onde se estean a facer probas similares”.

Primeiro en España co selo da DXT para operar en contornas abertas

Por parte do CTAG, Francisco Sánchez Pons, explicou que esta lanzadeira, na que sempre vai estar presenta a figura do supervisor, é o primeiro vehículo en España co selo da Dirección Xeral de Tráfico para operar en contornas abertas, o que lles permitiu xa realizar unha primeira proba piloto na Casa de Campo de Madrid, “de menor duración que á que se vai realizar aquí en Vigo, onde agardamos que se poida converter nun servizo”. Tal e como explicou, “afortunadamente non todo pasa en Estados Unidos, en Alemaña, en Francia, China ou en Xapón, tamén pasa en Galicia, onde temos un desenvolvemento de altísimo nivel”, recalcou Sánchez Pons, insistindo en que “este piloto permítenos dar un servizo de mobilidade innovador e moi avanzado”.

Participación da UVigo no programa Retech

A participación da Universidade de Vigo no programa Retech articúlase, tal e como explicaron os responsables deste proxecto, en catro grandes casos de uso: un dirixido a integrar a tecnoloxía QKD en infraestruturas 5G/6G para protexer os datos fronte as ameazas da computación cuántica; outro relativo á industria conectada, tamén na liña de garantir operacións seguras e en tempo real de redes 5G/6G na industria; o terceiro ten que ver co uso da Intelixencia Artificial para apoiar conexións de conectividade e seguridade, e o cuarto está relacionado coas tecnoloxías de comunicación vehicular.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (memorias-neno-labrego.jpg) O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta do público galego, que está a encher o Salón Teatro de Santiago de Compostela en todos os pases desta produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións. Coas entradas xa esgotadas para as funcións programadas na sede da compañía pública desde o pasado día 8 ata o domingo 25 e do 11 ao 15 de febreiro, o equipo prepara xa o inicio dunha xira que arrancará en nove escenarios das catro provincias.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco. Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a USC sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon.

Notas

Vigo será o primeiro campus en España en dispor dun servizo de vehículo autónomo e conectado que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria para os seus desprazamentos entre edificios. O vehículo, desenvolto integramente en Galicia e con capacidade para 8 persoas, non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables.
Abordar o réxime da dixitalización no traballo é unha obrigación para a negociación colectiva galega. Con todo, é unha tarefa que pode atopar dificultades ao ser tratada en solitario polos axentes sociais en cada sector, polo que 'convén dotala do maior apoio institucional posible'. Esta é a primeira das recomendacións que se realizan no informe sobre a dixitalización nos convenios colectivos de sector galegos, impulsado polo Consello Galego de Relacións Laborais e dirixido polo profesor da USC, José María Miranda Boto.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES