Notas de prensa

IA e datos reivindícanse como eixo de transferencia de coñecemento entre a USC e a empresa

O desenvolvemento de talento especializado nas distintas áreas do sector tecnolóxico (IA, Big Data, Ciencia de Datos...) é un dos grandes desafíos do sector tecnolóxico, facendo da colaboración entre universidade e empresa unha ferramenta clave. Neste contexto nace o Observatorio DXC, unha iniciativa posta en marcha en 2017 entre a USC e a compañía DXC Technology para achegar formación e investigación ás necesidades reais dos profesionais.

Desde a súa creación, máis de 150 estudantes da USC participaron no programa procedentes de titulacións vinculadas ao ámbito tecnolóxico e de datos. Ao longo destes anos téñense desenvolvido preto de 60 proxectos académicos, entre Traballos Fin de Grao e Fin de Máster, e máis de 100 estudantes realizaron prácticas curriculares en áreas como Intelixencia Artificial, Ciencia de Datos e Machine Learning, integrándose en equipos e proxectos vinculados ao ciclo completo do dato.

O Observatorio DXC articúlase arredor de tres eixos principais. Por un lado, a co titorización de traballos académicos, que permite ao estudantado desenvolver os seus proxectos co acompañamento de profesionais da empresa e persoal investigador (en moitos casos, vinculado ao CiTIUS da USC), incorporando así unha visión aplicada aliñada cos avances tecnolóxicos actuais. Por outra banda, o Premio ao mellor Traballo Fin de Máster do Máster en Big Data da USC, que alcanza este ano a súa novena edición tense consolidado como un recoñecemento académico de referencia neste ámbito. Finalmente, as prácticas curriculares tuteladas constitúen o núcleo do programa, ofrecendo a oportunidade de traballar en casos reais nun contorno formativo supervisado.

A iniciativa permitiu reforzar a conexión entre a formación avanzada, a investigación desenvolvida no ámbito universitario (moi especialmente a través do CiTIUS) e a súa transferencia ao sector produtivo. As liñas de traballo en intelixencia artificial, análise de datos e aprendizaxe automática que se desenvolven no centro atoparon neste tipo de colaboracións un espazo natural para a captación de talento, ao tempo que contribúen a mellorar a empregabilidade e a capacitación tecnolóxica do estudantado.

Máis alá destas accións, a colaboración complétase con seminarios, actividades divulgativas e propostas orientadas a espertar vocacións tecnolóxicas, como charlas en centros educativos ou iniciativas abertas á sociedade. Tras oito anos de percorrido, o Observatorio DXC consolídase como un exemplo de cooperación sostida entre universidade, centro de investigación e empresa, orientada a xerar coñecemento, talento e impacto no ecosistema tecnolóxico galego.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-12-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES