Notas de prensa

Os incendios en Galicia serán uns dos eixes das VIII Xornadas de Patrimonio Natural

Os incendios forestais en Galicia serán un dos eixes centrais das VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, que promove a Sociedade Galega de Historia Natural, coa colaboración da Escola de Enxeñaría Forestal, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial. Este encontro abrirá a súa programación o venres 28 no Teatro Principal, trasladándose despois ata a EE Forestal, con diferentes conferencias e unha mesa de debate.

Ademais, este centro do campus acolle na tarde deste martes o hackatón EcoLab, no que diferentes equipos de estudantes teñen que idear solucións a diferentes retos ambientais.

Cinco conferencias e unha mesa de debate

Con inscrición gratuíta, as VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade sumarán este sábado cinco conferencias e unha mesa de debate á actividade nesta escola. Tras o acto inaugural, este encontro abrirase ás 10.00 horas co primeiro dos relatorios, a cargo do profesor da UVigo José Bienvenido Díez, quen afondará na “paleontoloxía baixo o prisma galego”, como sinalan desde a organización. A continuación, Saleta González, responsable da Sección de Botánica da SGHN, e Francisco Javier Silva Pando, presidente da Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos, presentarán o Atlas da flora exótica de Galicia, un traballo colectivo que reuniu as achegas de máis de 25 especialistas. Tamén na mañá do sábado, Sandra Goded, de Quercus Sonora, afondará nos “efectos das diferentes prácticas forestais sobre a biodiversidade no noroeste da península ibérica, mentres que Estíbaliz Díaz, do Centro de Investigación Mariña e Alimentaria Azti, afondará na “dramática situación” que atravesa a anguía europea. Finalmente, o bloque matinal pecharase cun relatorio sobre a conservación dos cabaliños do mar a cargo do investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) Miquel Planas.

Xa pola tarde, a xornada retomara a súa actividade ás 16.45 horas, cunha mesa redonda sobre os lumes forestais en Galicia. Moderada pola xornalista Taciana Díaz, nela intervirán o presidente da SGHN, Serafín González; o investigador e subdirector da EE Forestal, Juan Picos; o catedrático Luis Navarro, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo; a investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MGB-CSIC) María Cristina Fernández, o bombeiro forestal Xan Lois Cabreira e o axente ambiental Manuel Ogando.

Estas xornadas abrirán a súa programación coa proxección no Teatro Principal, o venres ás 19.00 horas, de Only on Earth, un filme da directora danesa Robin Petré, presentado como “unha viaxe inmersiva e visualmente sorprendente que nos transporta ás terras do sur de Galicia, unha das zonas de Europa máis afectadas polos incendios forestais, onde os cabalos salvaxes desempeñaron durante séculos un papel esencial axudando a controlar a vexetación”.

Un maratón no que idear solucións a retos ambientais

Promovido pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra), coa colaboración da Escola e co financiamento do Plan Social Ence, este centro acollía na tarde deste martes o hackatón Ecolab, presentado como “unha experiencia creativa e inspiradora que une sostibilidade, innovación e emprendemento”, como sinalan desde a organización. Divididos en tres equipos, dez estudantes da EE Forestal participan nesta xornada nun evento baseado no traballo coa metodoloxía Lego Serious Play, que lles permite “construír ideas coas mans, visualizar solucións e transformar o coñecemento técnicos en proxectos con impacto real”. Nomeadamente, terán que traballar no deseño de “propostas innovadoras”, ideadas co propósito de facer fronte a retos ambientais como a integración de natureza e benestar en contornas urbanas, o impulso de “novas solucións para un uso responsable dos recursos” e a adaptación ao cambio climático e a “xestión activa da paisaxe”.

Nese senso, o obxectivo deste encontro é “fomentar o talento emprendedor e a innovación aplicada ao territorio”, como destacan desde a organización. Trátase nese senso dunha actividade “moi interesante para o noso alumnado, porque achégalle unha serie de competencias transversais que se suman ás adquiridas no grao”, como salientou a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, integrante do xurado que na tarde deste martes se encarga de decidir a idea gañadora deste hackatón.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES