
Baixo o lema Un só mundo, unha soa saúde, o noso obxectivo é crear un espazo de investigación interdisciplinario e de colaboración desde o Campus Terra, con proxección global e compromiso co territorio, engadiu.
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, participaron nesta xuntanza na que, ademais de darlle o visto bo á proposta de nomeamento da directora comisaria e da Comisión Asesora Externa do Instituto, deuse luz verde á primeira convocatoria de vinculación ao iTERRA. Este proceso realizarase a través dunha chamada de expresión de interese para a vinculación de persoal investigador, durante o período 2025-2029, cuxa investigación se desenvolva nos eidos da saúde humana e animal, a produción, tecnoloxía, nutrición e seguridade alimentaria, a sostibilidade ambiental e as metodoloxías fisicoquímicas, ómicas e dixitais, todos eles eidos de actuación do iTERRA.
Tal e como destacou a profesora López Alonso, vivimos nun tempo no que os grandes retos o cambio climático, as zoonoses, a seguridade alimentaria ou a degradación ambiental esixen novas formas de facer ciencia. Neste senso, o iTERRA xorde precisamente para dar unha resposta coordinada a eses desafíos, integrando a saúde humana e animal, a nutrición e seguridade alimentaria e a sustentabilidade ambiental. Desde Lugo, engadiu, queremos contribuír a un futuro máis saudable, máis sostible e máis xusto, conectando ciencia, territorio e sociedade. E facelo coa identidade que define o Campus Terra: compromiso, excelencia e vocación de servizo público.
Modelos resilientes para o benestar
O iTERRA impulsará a excelencia científica, a colaboración intersectorial e o aproveitamento do coñecemento local, promovendo modelos sostibles e resilientes que contribúan ao benestar das persoas, dos animais e dos ecosistemas. Así, este novo instituto da USC aspira a consolidarse como un referente estatal e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións baseadas na evidencia ante os grandes retos do século XXI: a saúde humana e animal, a alimentación e seguridade alimentaria, e a sustentabilidade dos ecosistemas. Desde o seu enfoque holístico e a súa vinculación co territorio, contribuirá a situar o Campus Terra como un referente europeo en investigación e innovación responsable, proxectando desde Lugo un modelo de ciencia aberta, sostible e de excelencia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.