Notas de prensa

Unha vintena de docentes de sete países europeos fórmanse na USC para desenvolver o pensamento crítico nas aulas

Como organizar a aula, como deseñar as actividades a desenvolver nela e, sobre todo, facelo dende unha perspectiva interdisciplinaria e cun obxectivo claro: fomentar o pensamento crítico. A todas estas preguntas buscan responder as sesións que, ao abeiro do proxecto ‘Competencias Meta-científicas na Era da Des-información’ (SciLMi), se desenvolven ao longo desta semana na Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Nelas, unha vintena de docentes procedentes de Chipre, Grecia, Lituania, Finlandia, República Checa e Hungría participarán nun Blended Intensive Teacher Training (BIT), unha formación híbrida destinada a profesorado de Educación Secundaria “en activo”. Esta actividade, ‘SciLMi Critical Thinking for Effective Democratic Citizens’, céntrase en dar pulo ás destrezas asociadas ao pensamento crítico como competencia transversal para a abordaxe de cuestións socio-científicas nas aulas de Educación Secundaria e coas que facer fronte á desinformación.

Este é o primeiro proxecto europeo destas características no que participa a USC, baixo a coordinación da profesora Blanca Puig. Tamén traballa nesta iniciativa a investigadora postdoutoral Inés Martínez Pena do grupo de Investigación RODA (Razoamento, Discurso e Argumentación). Xuntas achegan os seus coñecementos e experiencia investigadora sobre o pensamento crítico na educación científica e na formación do profesorado no ensino e aprendizaxe de cuestións socio-científicas.

Docentes do futuro

Xa a semana pasada, do 9 ao 13 de xuño , ao abeiro deste proxecto Erasmus+, docentes de educación secundaria en formación de distintas disciplinas e países, traballaron nas competencias necesarias para xestionar a desinformación socio-científica mediática. En concreto, alén do pensamento crítico, abordouse a competencia dixital ou a alfabetización mediática. Este Blended Intensive Programme (BIP) constitúe un curso híbrido que xa contou cunha fase de formación virtual e que desenvolveu a semana pasada a súa etapa presencial. Nesta actividade que tivo lugar na sede da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte, déronse cita docentes en formación de diversos países e procedentes de diferentes especialidades, “o que supuxo un intercambio cultural moi importante”, explica a profesora Puig.

As persoas participantes elaboraron materiais de traballo relacionados coas competencias transversais que integran o proxecto e que presentaron na derradeira sesión. “Trátase de ser quen de capacitar as persoas para actuar como unha cidadanía responsable”, engade. Así, logo de realizar propostas individuais, o estudantado traballou de xeito colectivo en cuestións como a sustentabilidade do océano, reflexionou sobre a enxeñaría xenética aplicada ao que popularmente se deu a coñecer como ‘bebés á carta’, tratou a cuestión da reciclaxe e afondou na emerxencia sanitaria que supoñen as resistencias aos antibióticos, entre outras cuestións.

Ambos os eventos facilitarán o traballo e intercambio de experiencias entre docentes de distintas ramas e disciplinas, así como de distintas institucións e centros educativos. Nestas experiencias participarán profesionais cunha dilatada experiencia na formación do profesorado. Neste proxecto colabora como asesor científico, o investigador Jonathan Osborne, chair do panel PISA 2025.

Ademais, a fin de semana existente entre os dous cursos tivo lugar a reunión anual do equipo do poxecto SciLMi para revisar os progresos realizados ata a data e determinar os seguintes pasos a dar no futuro. Trátase dun equipo multidisciplinar que desenvolve a súa labor cunha aproximación co-construtiva, o cal enriquece e mellora a calidade dos resultados derivados do seu traballo. Esta primeira edición dos cursos servirá como piloto para futuras edicións.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES