Notas de prensa

O proxecto europeo SoildiverAgro encara a súa recta final

No ano 2019 botou a andar o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Seis anos despois, a iniciativa, na que participan 22 socios de sete países liderados pola UVigo, encara a súa recta final. Será coa celebración a vindeira semana, en Ourense, da súa asemblea de peche.

Na presentación da xornada, que terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e no mosteiro de Santo Estevo, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que iniciativas coma SoildiverAgro poñen en valor o potencial investigador do campus de Ourense, neste caso en liña cos eixes de actuación do seu Campus Auga e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Ademais, indicou, enmárcanse no seu compromiso “con facer territorio, con contribuír ao desenvolvemento, neste caso sostible, da nosa provincia”. Pola súa banda, Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, entidade esta última que participa no proxecto, indicou que SoildiverAgro é un exemplo de como “a cooperación e a colaboración entre institucións facilita e intensifica a eficiencia na busca de obxectivos”. O responsable institucional subliñou ademais a relevancia da temática abordada neste proxecto, tendo en conta o carácter agrario da provincia de Ourense.

Reducir o uso de fertilizantes, funxicidas, auga e combustible

David Fernández, profesor da UVigo coordinador do proxecto, foi o encargado de explicar os detalles de SoildiverAgro, agradecendo de xeito especial “a indispensable” colaboración do Inorde neste e noutros proxectos agroambientais ao permitir o uso de parcelas para o traballo experimental. A iniciativa que agora se pecha, lembrou o seu responsable, céntrase na adopción de novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo que melloren a xenética do solo e a biodiversidade funcional para reducir o uso de insumos externos (como fertilizantes, funxicidas, auga e combustible) ao tempo que aumente a produción e a calidade dos cultivos, a prestación de servizos ecosistémicos e a estabilidade agrícola e a resiliencia da UE.

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, conta coa participación de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.

Na xornada que se celebrará a vindeira semana en Ourense participará medio centenar de membros das 22 entidades implicadas, expondo cada unha delas os resultados e avances do traballo feito en cada caso e en conxunto. Ademais farase balance das ferramentas, publicacións, actividades e demais froitos da iniciativa ao longo destes anos de desenvolvemento. No caso de Galicia, explicou Fernández Calviño, os traballos de campo centráronse na zona da Limia, en diversas parcelas nas que se probaron melloras nas rotacións de cultivos; nos sistemas biolóxicos de control de pragas; no uso de micorrizas para substituír fertilizantes e nos sistemas de alertas de pragas para reducir o uso de funxicidas. Os resultados acadados serán exposto tamén na xornada de peche.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-05-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES