Notas de prensa

Persoal investigador da UDC e do Leibniz-Institut desenvolven un bioplástico autorreforzado para envases sostibles

O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desenvolveu un bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp, desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña.

No artigo tamén participan como persoal investigador coautor Birgit Bittmann-Hennes, Danny Moncada e Belén Montero.

Os resultados do estudo foron publicados na revista científica ACS Omega (Q2 no índice de impacto) co título: “Self-Reinforced Biocomposites Made from Poly(3-hydroxybutyrate-co-3-hydroxyvalerate) (PHBV): An Innovative Approach to Sustainable Packaging Production through Melt Processing” [“Biocompostos autorreforzados de poli(3-hidroxibutirato-co-3-hidroxivalerato) (PHBV): un enfoque innovador para a produción sostible de envases mediante o procesamento por fusión”].

Bioplásticos reforzados, sen aditivos

O estudo céntrase no desenvolvemento dun biocomposto autorreforzado a partir do biopolímero PHBV (polihidroxibutirato-co-polihidroxivalerato), un material de orixe natural completamente biodegradable. A innovación reside en integrar micropartículas do propio PHBV na súa matriz para mellorar o comportamento mecánico e as propiedades de barreira fronte ao osíxeno e o vapor de auga, aspectos fundamentais para prolongar a conservación dos alimentos envasados.

Este enfoque científico permite reforzar o material sen engadir plásticos convencionais nin outros aditivos, o que facilita tanto reciclalo como compostalo. A diferenza dos envases multicapa tradicionais, que resultan difíciles de reciclar pola combinación de materiais distintos, o novo biocomposto mantén unha composición homoxénea que simplifica xestionalo ao final da súa vida útil.

Produción industrial eficiente a grande escala

Outro aspecto salientable é que a produción destes bioplásticos non require disolventes tóxicos nin procesos custosos. Utilízanse tecnoloxías de transformación amplamente implantadas na industria, como a extrusión e o moldeado por inxección, o que facilita fabricalos a grande escala.

Segundo o equipo investigador: “Conseguimos, por primeira vez no ámbito industrial, incorporar partículas de PHBV nunha matriz do mesmo material mediante un proceso eficiente e compatible coa produción a grande escala”.

Ciencia galega nun proxecto europeo

Este traballo enmárcase no proxecto europeo Waste2BioComp, que reúne 13 organizacións de seis países co obxectivo de transformar residuos orgánicos e subprodutos en novos biomateriais sostibles. A Universidade da Coruña lidera un paquete de traballo que se centra no desenvolvemento de partículas de PHBV para aplicacións no sector da embalaxe.

Como parte das actividades finais, a investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero, participou os días 29 e 30 de abril en Bruxelas no evento de peche organizado polo clúster europeo BioMatters baixo o lema “Beyond Waste: Shaping the Future with Bio-Based Materials”. Alí presentou, xunto co director de I+D de Propagroup SpA, Salvatore Davide Crapanzano, os principais resultados relacionados coa cadea de valor dos plásticos sostibles. Durante a súa intervención, Montero abordou o potencial das solucións baseadas en biopolímeros para substituír materiais fósiles en plásticos tanto ríxidos como flexibles. O mércores 30 de abril tivo lugar o encontro interno do consorcio, en que se analizaron os avances e as futuras liñas de traballo.

Con este avance, o Grupo de Polímeros do CITENI reafirma o seu compromiso coa investigación de materiais máis sostibles e co desenvolvemento de solucións innovadoras que achegan a industria do envasado aos principios da economía circular.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES