Notas de prensa

Máis de 560 estudantes e 120 equipos de toda Galicia citan os seus autómatas na Competición de Robots da EE Industrial

Cando en 2015 se poñía en marcha a primeira edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, os seus organizadores non agardaban que esta cita se convertese nun dos sinais de identidade do seu centro. Hoxe, dez anos despois, a escola volveuse a encher cun rebulir robótico que congregou a 566 estudantes de institutos de toda Galicia, repartidos en 120 equipos.

Ao longo de toda a mañá participaron cos seus autómatas nun 'robot friday' que comprendeu diferentes probas nas dúas modalidades: BeRobot (para ESO e Bacharelato) e DemoRobot (para FP e Universidade).

O obxectivo fundamental deste concurso, como explica o director da EEI, José Fariña, é achegar a Universidade ao alumnado do ensino secundario e Bacharelato, ademais de promocionar as titulacións da escola e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM, máis especificamente polos estudos de enxeñaría. “En particular, coa categoría superior, preténdese potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento habilitador ante os novos retos da industria do futuro”. Isto, engade, nun intre no que semella que o futuro “vai estar vencellado á dixitalización e ao papel das novas tecnoloxías, sendo a robótica unha das que terá maior influencia”.

Estudantes de toda Galicia

Na mañá deste venres os 120 equipos puxeron os seus robots en marcha sobre os tapices das probas, pero a competición comezou moito antes, co deseño e construción e programación dos propios autómatas a partir dun kit básico, o mBot 2, un autómata educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo.

Nesta oitava edición da Competición de Robots da EEI (a pandemia puxo en pausa a actividade durante tres anos) participaron 36 centros de ensino das catro provincias galegas (9 da Coruña, 21 de Pontevedra, 2 de Ourense e 4 de Lugo). Do total de participantes, o 65% son mozos e o 34% mozas.

Na modalidade BeRobot participan 110 equipos en tres categorías: 26 equipos con 120 participantes de 1º e 2º da ESO; 50 equipos con 234 participantes de 3º e 4º da ESO e 34 equipos con 177 participantes de 1º e 2º de Bacharelato. Na segunda modalidade, DemoRobot, para estudantes de FP e Universidade, inscribíronse 10 equipos con 35 participantes.

Probas durante toda a mañá

Ao longo da mañá os equipos enfrontáronse ás diferentes roldas de probas. No caso da categoría Be Robot, para alumnado de ESO e Bacharelato, cada robot debía participar en dúas probas, o Sigue-liña ‘marchoso’, con obstáculos e un lombo e Velódromo ‘mareante’, que consistía en completar o maior número de voltas ao circuíto no menor tempo posible.

Na categoría DemoRobot, para estudantes de FP e universidade, a competición comprendía catro probas, tres individuais e unha colectiva: Rastrexo (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; Labirinto (individual); Tripla ‘penalti’ con illa (individual) sacar todos os obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan e Sumo (colectiva), na que o robot debe intentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.

Entrega de premios a mediodía

Tras toda unha mañá de competicións e fases eliminatorias, a mediodía entregáronse os premios 1º, 2º e 3º clasificado) en cada unha das diferentes categorías (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º BACH e Demo Robot), ademais dos galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorga en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización).

Na categoría Be Robot 1º+2º ESO, o equipo gañador foi Malvebot, do CPR Malvedo; en 3º+4º ESO gañou Furoca 1, do IES A Pastoriza e en 1º+2º BACH impúxose Furoca 1, do IES A Pastoriza. Na categoría Demo Robot o primeiro premio foi para RALIE25, do alumnado da EE Industrial. O premio á orixinalidade foi para IESEO_02, o IES Luis Seoane, mentres que o premio STEAM foi para o IES Mestre Landín. Ademais tamén se outorgou ao Brión 1 do IES Brión (1º BACH) o Premio ao fomento do talento feminino.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES