Notas de prensa

Científicos tolos e resurreccións na #9 edition do Galician Freaky Film Festival

Unha mente aberta, un par de bos ollos dispostos a ver todo, unha pel sensíbel aos arrepíos, un estómago a proba de casquería e un gran corazón freak. Estas serían as pezas ou ingredientes que precisaría un doutor tolo para construír ao espectador perfecto do GFFF. Por sorte para o festival de cinema freak e fantástico de Vigo, cada ano son máis os freaks con estas particulares características que se suman con paixón ao seu exército de fans.

Para alimentar e agradecer o respaldo dos máis seareiros do freak e do fantástico, o certame comeza xa a anunciar os seus primeiros títulos de cara a vindeira #9 edition.

Como explican desde a súa organización: “Este será un ano moi especial. Poñeremos o foco temático homenaxeando aos científicos tolos ou mad doctors, ese arquetípico personaxe dos filmes de terror e ciencia ficción que, obsesionados por conseguir algo que supera os coñecementos da súa época, son quen de retar as leis da física e mesmo ao propio Deus.”

Deste xeito, o GFFF inaugurará a súa #9 edition coa súa xa habitual sesión dobre tal e como se facía nos cinemas doutra época, na que poderán desfrutarse de dous clásicos do cinema fantástico e de terror.

O primeiro dos títulos anunciados será a cinta de culto Re-animator dirixida por Stuart Gordon, unha auténtica medicina para freaks que conta cunha boa dose de inxeccións verdes e resurreccións. O filme, lanzado en 1985 está baseado no relato do H. P. Lovecraft Herbert West: reanimador.

Re-animator está protagonizada por Jeffrey Combs quen interpreta a Herbert West, un estudante de medicina europeo que chega aos EEUU para continuar desenvolvendo o seu soro de reanimación corporal. As probas que realiza traerán consigo unha serie de fatídicas consecuencias para el e a vida persoal do seu compañeiro de cuarto, Dan Cain.

O éxito de Re-animator convertouna nun filme de culto entre os seguidores do cinema gore sendo unha perfecta combinación de terror e comedia, o que incluso implicou a creación de dúas secuelas. Deste xeito, o certame vigués aproveita a celebración do 40º aniversario do filme de Gordon para reivindicar esta obra tan querida por todos aqueles que medraron pasando as tardes dos venres entre os andeis dos videoclubes.

Os espectadores máis freaks poderán desfrutar de Re-animator en pantalla grande nos Cines Tamberlick, así como doutros auténticos fitos do cinema de culto que proximamente o festival dará a coñecer. Todo isto dentro da programación da #9 edition do GFFF que terá lugar no C. C. Plaza Elíptica entre os días 19 e 27 de setembro.

9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.

Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.

Un evento único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.

Galician Freaky Film Festival, 2025-04-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES