
Precisamente da man do Museo de Historia Natural da USC e co financiamento da Fundación BBVA, a exposición Rosalía e Fonseca é un achegamento ás inquedanzas científicas da autora, quen aínda que non puido cursar estudos universitarios tivo oportunidade de acceder na adolescencia á instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo de la Juventud.
A mostra, que poderá visitarse ata o 30 de maio no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, inaugurouna este mércores o reitor da Universidade, Antonio López Díaz, nun acto no que tamén interviñeron a comisaria da mostra e directora da Cátedra Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar; o co director da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza, e o responsable das coleccións do Museo de Historia Natural, Juan Manuel Cutrín.
Dous eixos
A mostra artéllase arredor de dous eixos: Rosalía como coñecedora dos saberes literarios e científicos do seu tempo e Rosalía como obxecto de estudo dos proxectos de investigación desenvolvidos nos últimos anos desde a USC. Para abordar o primeiro, a exposición mergúllase nesa faceta da autora a través dalgúns obxectos científicos dos séculos XIX e XX que forman parte do patrimonio da USC e que permiten poñer en conexión a súa obra cos discursos científicos do seu tempo, por exemplo, no ámbito botánico.
No segundo eixo, e a partir da experiencia literaria achegada polo proxecto Os ollos das árbores, desenvolvido ao abeiro dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, na exposición acada especial relevo a dimensión formativa que deriva do uso da obra rosaliana en distintos niveis educativos, desde a infancia á idade adulta, considerando asemade o peso dunha institución educativa tan relevante como o instituto Rosalía de Castro de Santiago, cuxo estudantado -hoxe presente en Fonseca- participa en actividades de transferencia da investigación relacionadas coa escritora que lle dá nome.
Ademais, a cesión do valiosísimo Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda á Biblioteca Xeral da USC permite que, por vez primeira, sexan amosados ao público algúns obxectos de coleccionismo rosaliano da ilustre estudosa, tristemente finada, canda algúns dos seus cadernos de investigación e primeiras edicións da obra de Rosalía. Parello a isto, a Biblioteca Xeral abrirá un centro de interese con libros da autora e dos máis destacados rosalianistas do presente para favorecer o seu préstamo.
Para o seu desenvolvemento, este proxecto conta coa colaboración de entidades donantes como o Museo Valle-Inclán ou a Fundación Rosalía de Castro. Ademais e dado que se trata dunha actividade de diálogo entre humanidades e ciencias experimentais, tamén participan activamente no seu desenvolvemento as facultades de Química, Física e Bioloxía.
Érbedo
Coincidindo co Día Mundial do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro organizará o 23 de abril a plantación dun érbedo no xardín de Fonseca, nunha actividade concibida en colaboración co Concello de Santiago que procura honrar a memoria rosaliana. Como explica a profesora Rábade Villar, é sabido que a escritora gustaba de escribir onda un exemplar desa mesma especie, sito no Pazo de Lestrobe, que foi talado no século XX, polo que, na súaa opinión, a plantación sería, asemade, un acto de restitución simbólica do devezo de Rosalía pola natureza.
Nesa mesma xornada está prevista a doazón á Biblioteca Universitaria dun exemplar do libro-herbario Os ollos das árbores, froito dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, así como de dous exemplares do mesmo libro, con ilustracións botánicas dos artistas Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo, ao Museo de Historia Natural da Universidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.