Notas de prensa

A UDC acolle ata o 10 de xullo a exposición 'SOBRE TODO', da artista Enar de Dios Rodríguez

O Espazo de Intervención Cultural da UDC, NORMAL, inaugura o xoves a exposición SOBRE TODO, da artista Enar de Dios Rodríguez, que poderá visitarse ata o 10 de xullo. SOBRE TODO é un proxecto artístico que toma como protagonista o espazo aéreo para configurar unha reflexión política e poética sobre como este está a se converter nun territorio suxeito a ocupación, lexislación e explotación.

A mostra aborda cuestións urxentes do noso tempo como a extinción de especies voadoras, as tecnoloxías de control remoto, a lexislación do espazo ultraterrestre, o extractivismo futuro, así como a constitución intrinsecamente colaborativa do aire, ou a capacidade política do pulmón na súa loita por respirar.

A instalación, producida durante a residencia da artista en NORMAL, presenta un ensaio audiovisual acompañado de pezas específicas que cuestionan o eixo vertical e convidan a repensar o horizonte e o propio soporte que nos suxeita á vida, maila estares por riba de todo.

Na inauguración, terá lugar un concerto de nara is neus, produtora de música ambiente e bandas sonoras de Barcelona. A súa obra caracterízase por unha métrica complexa, melodías envolventes e paisaxes sonoras que evocan reflexións existenciais e unha ampla gama de afectos.

Sobre a artista

Enar de Dios Rodríguez (Ourense, 1986) é unha artista visual interdisciplinar que traballa con vídeo, fotografía e instalación. A súa obra investiga as interseccións entre economía, política, historia e medio ambiente, centrándose nos últimos anos na produción do espazo. Licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, estudou Fotografía na Universidade de Artes Aplicadas de Viena e obtivo un Máster en Belas Artes no San Francisco Art Institute. Actualmente realiza un doutoramento en Investigación Artística na Universidade de Artes de Linz, centrado nas políticas de verticalidade, no que investiga actos de territorialización de espazos aéreos e subterráneos.

A súa obra foi exposta en institucións como Kunsthalle Wien (Viena), Contemporary Jewish Museum (San Francisco), MAXXI (Roma), Project Space (Melbourne) ou Condeduque (Madrid), e en festivais como Kasseler Dokfest, Dokufest, Diagonale ou Pravo Ljudski. Foi galardoada con numerosos recoñecementos, como as bolsas Pixel Bytes + Film e a DKV Álvarez Margaride, ou os premios Marianne von Willemer ou o Planeta GZ do Festival Cortocircuíto.

Tamén impartiu charlas, seminarios e talleres en institucións como a Universidade de California (Berkeley), a Universidade de Málaga ou a Academia de Belas Artes de Viena. Actualmente é beneficiaria dunha bolsa de investigación no ifk International Research Center for Cultural Studies, en Viena.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES