Notas de prensa

Especialistas de España e Portugal imaxinan na UVigo pasados hipotéticos e unha historia alternativa

A historia alternativa, aquela que puido ter sido e non foi, protagoniza esta semana un encontro internacional que reúne no campus de Vigo especialistas de España e Portugal. Tras tres edicións celebrándose no país veciño, a Conferencia Internacional de Historia Mundial WhatIf'24/25 recala dende hoxe por primeira vez en España organizada conxuntamente pola Universidade de Vigo e a Casa Común de Reitoría da Universidade de Porto.

Durante dúas xornadas, académicos de varias universidades presentan traballos que dan respostas hipotéticas a preguntas sobre o que puido ter sido o pasado e o presente, se algo no transcurso da historia tivese sido diferente. Os traballos, tanto dende o punto de vista artístico e literario como da investigación académica, abordan diferentes momentos históricos, dende a Revolución dos Cravos ás revoltas de Brasil de hai 12 anos, pasando polas vangardas artísticas de comezos do século XX ata a hipotética inexistencia de María Pita, entre outros temas.

à fronte deste congreso están as profesoras Rosa Ricoy, do Departamento de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía da UVigo e Ana da Silveira Moura, da Universidade de Porto. Elas foron as encargadas de dar a benvida este mércores aos participantes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, acompañadas por Inés Iglesias Canle, directora do Instituto de Investigación Xustiza e Xénero, que puxo en valor este tipo de iniciativas “porque a docencia é moito máis que transmitir coñecementos”.

Rosa Ricoy lembrou que a historia alternativa pode referirse á “historia contada dende un punto de vista alternativo, ao revisionismo histórico, á reintrepretación de feitos históricos comunmente aceptados, á historia contrafactual ou ás ucronías, o xénero literario asociados á historia contrafactual”. Son moitas vertentes, e como recalcaba a docente, boa parte delas terán presenza nas dúas xornadas do congreso, con especial énfase no enfoque de xénero. Pola súa banda, a profesora Ana da Silveira Moura puxo o foco na importancia de “explorar o pasado para descubrir o perdido”. O pasado é “absoluto”, puntualizaba, e cando “confrontamos o absoluto coa posibilidade diverxente, necesariamente descubrimos o que estivo ausente dende o principio”. Neste sentido, engadía, “quen descoñece a historia está condenado a repetila, pero os que non discuten a historia alternativa están condenados a pasar por alto os primeiros sinais que preceden á caída”.

Unha Revolución dos Cravos en 1973?

A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do profesor Augusto Santos Silva, catedrático da Facultade de Economía da Universidade de Porto e ministro de Relacións Exteriores de Portugal entre 2015 e 2022 e presidente da Asemblea da República Portuguesa dende 2022 ata 2024.

Na súa intervención analizou se tería sido posible a hipotética Revolución do Cravos en 1973, un ano antes de cando aconteceu realmente. Santos Silva lembrou que foi “o único caso na Europa do século XX e do que vai de XXI no que un golpe militar serviu para instaurar unha democracia e non para derrubala” e debullou o seu contexto para concretar se tería sido posible que sucedese un ano antes. Na súa opinión esa opción tería sido factible, por tres motivos fundamentais. Por unha banda, porque xa se dera un intento previo de modernizar e liberalizar a ditadura o Estado Novo dende dentro, que finalmente fracasou. Por outra banda, porque entre os militares xa estaba moi estendida a idea de que era imposible unha vitoria militar na guerra colonial fronte aos movementos de liberación de Mozambique, Guinea e Angola. Ademais, a contestación social estaba xa crecendo sobre todo nas universidades e nos sindicados obreiros e de servizos.

A seguinte pregunta que se fixo Santos Silva foi: tería triunfado esa revolución en 1973? O profesor e político considera que sabelo é complicado, xa que nese mesmo ano estourou a crise do petróleo, que tería golpeado duramente o novo goberno, empeorando a situación económica. Pola contra, un dos factores máis determinantes no éxito da Revolución dos Cravos, “que foi o apoio das socialdemocracia europea, “non tería cambiado” por darse un ano antes.

Ademais, o expresidente da Asemblea da República Portuguesa tamén fixo un exercicio de proxección das hipotéticas consecuencias de ter adiantado a revolución un ano. Por unha banda, explicou que “non tería alterado a secuencia das transicións democráticas no sur de Europa”, en Grecia e España, pero si que tería cambiado algunhas características do proceso de descolonización, especialmente en Guinea, que declarou a súa independencia unilateralmente nese mesmo 1973. Onde si considera que a anticipación tería impactado é na situación política de América Latina, especialmente en Chile, dificultando o derrocamento do Goberno de Unidade Popular de Allende.

Dúas xornadas de pasados hipotéticos

Ao longo da xornada presentáronse outros traballos, como o desenvolto por investigadores de universidades brasileiras e da Harvard University, no que se preguntan se as revoltas sociais de Brasil en 2013 terían ocorrido sen as tormentas solares. Outra das propostas, elaborada por expertos e expertas do Laboratório de Gestião Inovadora de Brasil, analiza que pasaría se as mulleres fosen maioría en posicións estratéxicas do poder executivo do país suramericano. Ademais, tamén se presentou un bosquexo de como sería o mundo se as propostas das vangardas artísticas tivesen triunfado e seguisen vixentes. Este traballo foi elaborado por Sol Alonso, profesora do Departamento de Debuxo da UVigo. A xornada remata estar tarde coa intervención de Mariana Blengio Valdés, DDHH UCLAEH Uruguai, que falará sobre os Condicionais contra fácticos para o estudo dun mundo máis igual. Olympe de Gouges e a muller.

Na xornada de mañá haberá dúas sesións. A primeira, coa intervención da propia Rosa Ricoy que falará dun mundo hipotético sen que María Pita tivese existido, e de María Elisabet Barreiro Morales presentará o traballo ¿Y si no hubiese existido la tutela sobre las mujeres romanas?. Na segunda parte da sesión presentarase o traballo de Luis Filipe Silva, do Speculative Fiction Author de Portugal, titulado Os días do Imperio Futuro terminaron: Visións de utopía nas novelas de ciencia ficción portuguesas de principios e finais do século XX. A xornada concluirá con Tamar Prouse de Andrade, do programa de doutoramento CREA S2I da UVigo que presentará un traballo sobre a ética da intelixencia artificial e o nesgo de xénero algorítmico.

HYP - Hypothesis You Preserve

Este encontro enmárcase dentro das actividades do proxecto de Europa Creativa, HYP - Hypothesis You Preserve impulsado por un consorcio internacional formado pola Universidade de Vigo, a Universidade de Porto e a École Pratique des Hautes Études de París.

O obxectivo deste consorcio é xerar sinerxías entre a escritura creativa, a historia alternativa e os produtos académicos creativos, para construír e desenvolver a empatía transnacional e o interese pola memoria e a cultura europeas colectivas e compartidas. Como explica a profesora Rosa Ricoy, o alumnado implicado neste proxecto “pode empregar arquivos, documentación, historias ou tradicións individuais, familiares ou comunitarias para desenvolver un obxecto de escritura e cultura, explorando o patrimonio común europeo e o coñecemento histórico transnacional no proceso” Trátase, subliña, de preservar os valores da UE como igualdade e non discriminación, protección do patrimonio cultural, sustentabilidade, dignidade humana, liberdade, democracia, dereitos humanos, estado de dereito...

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES