Notas de prensa

Universidade e empresas alíanse para potenciar a industria resineira galega

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en Ourense acolleu este martes o lanzamento dun novo proxecto destinado a potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector. A iniciativa será desenvolvida polo Grupo Operativo Resfo (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado) e nel participa un equipo da Universidade de Vigo.

O proxecto está coordinado pola empresa Foresin, dedicada especializada en xestión forestal e no aproveitamento resineiro. Por parte da UVigo participa desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o Grupo para a Análise Empresarial. Completa o panel de socios a empresa Xagoaza Pinaster, industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias. Cóntase ademais coa colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, dedicada ao deseño e a programación.

Diferentes liñas de actuación

A finalidade do proxecto lanzado este martes é aumentar a rendibilidade dos montes galegos a través da mellora do aproveitamento resineiro e posicionando a resina natural de Galicia como un produto de alta calidade. Así, centrarase na optimización do proceso de destilación da resina en envase pechado, co fin de lograr un maior rendemento e calidade no produto final. Por outro lado, determinarán a calidade da resina natural galega, para o que levarán a cabo unha caracterización exhaustiva da mesma, identificando os atributos que lle confiren un valor diferencial no mercado global. Ademais, o proxecto inclúe o deseño de estratexias de promoción específicas para dar a coñecer as vantaxes da resina que se obtén en Galicia, fomentando a súa demanda tanto no eido nacional como no internacional.

GO Resfo, que terá unha duración de dous anos, contempla así mesmo o desenvolvemento de novos produtos derivados da resina, "que permitan reemprazar os derivados do petróleo en diversos sectores industriais". Así, pretende valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética, substituíndo compostos principais de orixe sintética e ofrecendo un produto 100% bio.

Neste marco de traballo, o equipo da Universidade de Vigo, formado por Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, participará na creación de estratexias que destaquen o valor engadido da resina natural galega, coa finalidade de posicionala como un produto premium no mercado internacional. Centrarase especialmente en aspectos de análise de mercado (caracterización da resina de coníferas galegas e identificación de novos mercados potenciais) e de desenvolvemento de novos produtos de alto valor engadido (como insecticidas ou extractos aromáticos para aromaterapia).

O Grupo Operativo Resfo recibiu apoio na última convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES