Notas de prensa

Investigadores de Cintecx participan no experimento internacional máis ambicioso para o estudo dos neutrinos

Medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos, partículas cuxa masa é cando menos un millón de veces inferior á do electrón, e antineutrinos, as súas réplicas de antimateria, para contribuír ao avance do coñecemento do universo. Este é o obxectivo do experimento DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment, polas súas siglas en inglés), o proxecto internacional máis ambicioso e avanzado ata a data para o estudo dos neutrinos.

Con miles de científicos de ducias de países implicados, a Universidade de Vigo sumarase agora a este experimento a través dun equipo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx).

Esta participación enmárcase dentro dun acordo asinado recentemente entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) e Fermilab, o Laboratorio Nacional de Aceleradores Fermi do Departamento de Enerxía do Goberno dos Estados Unidos. O obxectivo deste memorando de entendemento (MoU) é impulsar a participación das institucións españolas no experimento DUNE e colaborar na construción dos detectores, situando España ao nivel das grandes contribucións internacionais en física de neutrinos.

A colaboración estenderase durante os próximos 15 anos e participan, representando á UVigo, os investigadores de Cintecx Enrique Casarejos, como membro do Institutional Board de DUNE, e Joaquín Collazo e Jacobo Baldonedo, a través de dous proxectos nacionais dos que son IPs.

1400 científicos de máis de 240 institucións

DUNE é unha colaboración internacional formada por 1400 membros de máis de 240 institucións de 39 países, entre outros, España, Francia, Italia, Reino Unido, Suiza, Brasil, Colombia, Canadá, Estados Unidos, India, Xapón, ademais da Organización Europea para la Investigación Nuclear (CERN). España representa o 4% da colaboración e participa en DUNE desde os seus inicios en 2015 a través de seis grupos de investigación o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT), o Instituto de Física Corpuscular (CSIC-UV), o Instituto de Física Teórica (CSIC-UAM), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE-USC), a Universidad de Granada e a Universidade de Vigo.

Actualmente este é o proxecto internacional máis punteiro para o estudo das propiedades dos neutrinos. A finalidade é medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos e antineutrinos, o que podería axudar a explicar a preponderancia da materia fronte á antimateria e avanzar así no coñecemento sobre o universo. Ademais, esta investigación tamén buscará detectar neutrinos xerados no colapso dunha estrela ou procedentes do sol. O experimento desenvolverase entre a infraestrutura LBNF (Long-Baseline Neutrino Facility), que se atopa en construcción en Illinois (EEUU), e a Instalación Subterránea de Investigación Sanford (SURF), situada a 1500 m de profundidad en Dakota del Sur (EEUU). Ademais, no marco do proxecto tamén se está a traballar con varios prototipos de DUNE no laboratorio europeo de física de partículas no CERN. A idea é crear e impulsar neutrinos e antineutrinos dende o laboratorio de Illinois e detectalos cando cheguen á SURF, a 1300 km de distancia. Un detector próximo ao punto de produción caracterizará os neutrinos no seu punto de partida e outro situado no SURF captaraos para estudar os cambios nas súas propiedades.

Participación da UVigo

A participación española en DUNE céntrase no desenvolvemento e produción de tecnoloxías avanzadas, como o sistema de detección de luz e de monitorización de temperaturas, tanto para os prototipos do CERN como para os grandes detectores de argón líquido na Instalación Subterránea de Investigación Sanford (SURF). Ademais, España contribúe á preparación do programa de física e ás ferramentas de simulación e análise de datos do experimento.

En concreto, dende a UVigo, os investigadores de Cintecx realizarán simulacións de dinámica de fluídos computacional (CFD–Computational Fluid Dynamics en inglés), empregando métodos numéricos e algoritmos para resolver e analizar problemas sobre o fluxo de fluídos, das condicións de estabilidade de fase e transporte de moléculas contaminantes na cámara de argón líquido a alta presión. A contribución da UVigo tamén estará presente no Comité Institucional de DUNE, do que é membro o coordinador do grupo Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica (DSN), adscrito a Cintecx, Enrique Casarejos.

Construíndo e montando sistemas de I+D dende 2005

A ampla experiencia no desenvolvemento e integración de detectores de partículas en instalacións internacionais de física dos investigadores de Cintecx integrarase agora nas actividades da colaboración internacional do experimento DUNE. Segundo explica o coordinador do grupo DSN, Enrique Casarejos, “dende 2005, os investigadores da UVigo levan deseñando, construíndo e montando sistemas mecánicos en programas de I+D financiados en convocatorias competitivas. Un dos exemplos da nosa experiencia no desenvolvemento e integración de detectores de partículas en instalacións internacionais é a do GSI Helmholtzzentrum für Schwerionenforschung en Darmstadt, Alemaña”, un laboratorio punteiro que empregan investigadores de todo o mundo para realizar experimentos e obter novos coñecementos sobre a estrutura da materia e o desenvolvemento do universo.

A través de dous proxectos do Plan Nacional liderados polos investigadores Joaquín Collazo e Jacobo Baldonedo do grupo DSN de Cintecx, cunha financiación que supera o 1,5 millóns de euros, estes investigadores consolidan a contribución da UVigo ao avance do experimento DUNE, realizando simulacións CFD das condicións de estabilidade de fase e transporte de moléculas contaminantes na cámara de argón líquido a alta presión.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES