
O ciclo está organizado polo Consello Social da Universidade da Coruña e a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol en colaboración co CITIC, co obxectivo de promover un diálogo no que se amosen novas formas de comprender a arte, a cultura, a historia e a linguaxe co apoio da tecnoloxía máis innovadora.
Nesta nova sesión de novembro será Marta Suárez, avogada, investigadora e xestora cultural, a encargada de falar sobre Arte e creatividade na era da IA. Como directora de Artworld Law, unha asesoría especializada, ofrece servizos centrados no mercado da arte e a protección do patrimonio, cun enfoque nos desafíos dixitais contemporáneos, como o blockchain, o metaverso, os NFTs e a intelixencia artificial.
Marta Suárez Mansilla
Marta Suárez Mansilla ten unha sólida traxectoria na consultaría xurídica e a xestión cultural, especialmente no ámbito da arte contemporánea, onde ten traballado tanto con creadores como con profesionais do sector. Liderou proxectos culturais nos sectores público e privado e segue vencellada a diversas asociacións culturais que dirixiu.
A experta combina, ademais, o seu traballo profesional coa investigación académica, tendo realizado unha estancia profesional na ONU e participado como docente en múltiples universidades. O seu traballo e publicacións sobre arte, dereito e novas tecnoloxías son amplamente recoñecidas.
HumanIA
Este taller enmárcase no Ciclo formativo HumanIA UDC: o Desafío para as Humanidades en Tempos da Intelixencia Artificial, nado no pasado curso e que ten como obxectivo mostrar o impacto e a potencia da intelixencia artificial nos estudos e os postos de traballo relacionados coas humanidades.
O experto en Dereito Dixital Borja Adsuara Varela; o físico Paul Van Branteghem; a especialista en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina; e Cristina Aranda, experta en asesoramento tecnolóxico e diversidade, foron as persoas encargadas de impartir os catro talleres formativos do ciclo no curso 2023/2024.
Tras o éxito da pasada edición, na que participaron más de 400 persoas, neste novo curso continúase a explorar a intersección entre as humanidades e a IA, promovendo un diálogo enriquecedor sobre o impacto desta en áreas como a arte, a cultura e a linguaxe.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.