Notas de prensa

Investigadores do Cintecx propoñen un novo modelo de seguridade viaria mellorado, baseado na IA

Mellorar a seguridade do transporte por estrada a través de tecnoloxías Digital Twin (xemelgo dixital) é o obxectivo do proxecto RoadS2Win, para o que o grupo GeoTECH, do Cintecx, recibiu, para desenvolver a súa investigación, durante os tres próximos anos, 212.500 euros das axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.

O catedrático e investigador principal de GeoTECH e do proxecto RoadS2Win, xunto a Joaquín Martínez Sánchez, Pedro Arias Sánchez, explica que a seguridade no transporte por estrada, as lesións e mortes asociadas coa mobilidade son problemas significativos en termos sociais, económicos e de saúde pública, ao tempo que lembra que a seguridade viaria depende do comportamento dos e das condutoras, da calidade das infraestruturas e da seguridade dos vehículos.

“O concepto xeral do proxecto baséase no desenvolvemento dun xemelgo dixital, que consiste na representación virtual dunha realidade física, unida pola interconexión de datos dos tres elementos sinalados anteriormente (comportamento dos e das condutoras, calidade das infraestruturas e seguridade dos vehículos), que funciona en ambas as dúas direccións (realidade física/realidade virtual) e serve para axudar na toma de decisións mediante procesos de simulación en tempo real, sobre que medidas poden ser levadas a cabo para incrementar a seguridade viaria e a redución do risco de accidentes”, detalla Arias sobre a esencia do proxecto Mellora da seguridade en estradas a través de tecnoloxías enfocadas ao Digital Twin.

Solucións de IA para a mellora da seguridade viaria

Xunto aos investigadores Mario Soilán Rodríguez e Elena González Rodríguez, os IPS do proxecto centraranse en obter unha serie de indicadores de seguridade viaria, que poderán ser estimados en tempo real a través da tecnoloxía Digital Twin (DT), unha réplica virtual ou representación dixital dun activo físico, neste caso, por exemplo, unha estrada ou componente relevante de esta. “Esta réplica dixital funciona de maneira idéntica á súa contraparte do mundo real, pero unicamente no ámbito virtual. Utilizando tecnoloxías como o internet das cousas (IoT), intelixencia artificial e análise de software de simulación, os dixital twins xeran simulacións baseadas en datos do mundo real para predicir o rendemento e comportamente do activo”, explica Arias, que lembra que estes modelos se utilizan para probas, simulacións, monitoreo e mantemento ao longo do ciclo de vida útil de diferentes un activos, desde a súa concepción ata a súa disposición e posta en servicio.

“Considerando que os modelos DT poden proporcionar predicións sobre a seguridade viaria en función de condicións de contorna cambiantes e en tempo real, nós propomos un novo modelo de seguridade viaria mellorado, baseado na aplicación de solucións de intelixencia artificial para o procesamento e análise de datos e predición de comportamento, en función de condicións de contorna cambiantes (como pode ser a climatoloxía, densidades de tráfico, estados da vía, diferentes comportamentos dos condutores, etc), de forma que o sistema poida proporcionar recomendacións e guías de actuación adaptadas á realidade cambiante, para reducir a sinistralidade”, detalla Pedro Arias.

Experiencia de anos no ámbito dos xemelgos dixitais

O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, enfronta o proxecto Mellora da seguridade en estradas a través de tecnoloxías enfocadas ao Digital Twin coa experiencia acadada durante anos de traballo neste ámbito. “A través de varios proxectos de investigación foron feitas varias aproximacións o ámbito dos xemelgos dixitais, así como unha tese de doutoramento que esta a piques de ser defendida”, detalla o investigador do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do  Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES