
O co-deseño e pilotaxe dun plan de estudos en eficiencia enerxética para as titulacións de grao e de máster, xunto coa creación dunha serie de Laboratorios de Enerxía e de Redes Ecolóxicas, son os dous piares básicos nos que se sustenta o 3E-Partnership, un Proxecto Europeo Erasmus+ que terá un impacto nas institucións, nas persoas, no estudantado e no persoal académico implicado mellorando o acceso ás infraestruturas, aos coñecementos e aos recursos máis actualizados no eido da eficiencia enerxética.
A Business and Technology University de Xeorxia coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participan a Katholieke Universiteit Leuven de Bélxica, a Politecnico di Milano de Italia e a Universidade da Coruña de España. A maiores, integran este grupo de traballo a grande escala a Georgian Technical University, a Iakob Gogebashvili Telavi State University e a Energy Efficiency Centre Georgia, ambas as tres situadas en Xeorxia; a Donetsk National Technical University e a Ukrainian State University of Science and Technology, de Ucraína; xunto coa ADA University e a Khazar University emprazadas en Azerbaidján. Por último, cómpre sinalar o papel da Georgian National Energy and Water Supply Regulatory Commission como entidade asociada.
O Proxecto Europeo Erasmus+ European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership) conta cun orzamento total de 728.234 euros. A Universidade da Coruña dispón de 74.651 euros para levar a súa parte do proxecto centrado en co-crear coñecemento no eido da eficiencia enerxética grazas ao traballo do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Facultade de Economía e Empresa do Campus da Coruña.
Reunión de traballo presencial no Campus Industrial de Ferrol
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este mércores 6 e xoves 7 de novembro, unha das reunións de traballo presenciais do Proxecto Europeo Erasmus+ European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership). A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, recibiron esta mañá aos preto de 40 representantes das universidades e institucións participantes que nestas dúas xornadas analizarán os avances realizados no marco desta iniciativa de innovación docente. A maiores, o programa da xornada inclúe tamén a visita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no propio Campus Industrial de Ferrol, ás instalacións de Navantia Seanergies en Fene e ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (TG), emprazado na Coruña.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.