
O escultor Xoán Vila (Lugo, 1958) especializouse nas esculturas de madeira cun estilo expresionista libre. Agora, a súa obra pode verse no corredor do Pavillón Central da EPSE. Cunha extensa formación artística en escultura e técnicas de volume, a súa obra foi exposta en numerosos museos e galerías tanto a nivel estatal como internacional, e recibiu múltiples premios e recoñecementos pola súa creatividade coa madeira. As súas pezas realizadas en madeira de castiñeiro poden contemplarse xa na EPSE, onde permanecerán ao longo do mes.
A investigación arredor do castiñeiro centra a outra mostra acubillada no Pavillón Central do centro. Neste caso, diversos pósters serven de ilustración para achegar de xeito gráfico as diversas liñas de traballo que se desenvolven arredor desta árbore grande da familia das fagáceas.
Pílulas científicas
O Salón de Actos da EPSE será escenario, o vindeiro 6 de novembro, a partir das 12.00 horas, dunha sesión de pílulas científicas na que se abordará o castiñeiro dende diversas perspectivas. Castiñeiros monumentais de Galicia será o título da intervención que levará a cabo o profesor Antonio Rigueiro. Pola súa parte, Santiago Pereira abordará a orixe e diversidade das variedades de castiñeiro na comunidade, mentres que Fina Lombardero acometerá o desenvolvemento de elicitadores de defensa en castiñeiro do país. As variedades e híbridos de castiñeiro cultivados, microenxertados e conservados in vitro, será o aspecto no que profunde Juan Luís Fernández; mentres que Emilio Díaz galará dos soutos como sistemas socio-ecolóxicos multifuncionais. O colofón correrá a cargo de Xoán Vila coa pílula titulada Imaxínate que es un castiñeiro nun bosque.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.