Notas de prensa

O Foro OcioGune aborda en Compostela o papel da educación e o lecer na transición socioecolóxica urbana

O papel da educación e do lecer nos espazos urbanos para afrontar a transición socioecolóxica é un dos eixos do Foro Internacional OcioGune Compostela 2024, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación e que será un espazo para a aprendizaxe, a reflexión e o diálogo arredor de diferentes realidades dos tempos educativos e sociais.

Nesta edición o lema é Tempos, cidades sostibles e emerxencia climática, e o encontro está promovido polos equipos de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, GIAS da Universitat Ramón Llull e PsicoTemps+ da Universitat de Barcelona, tres dos dez que integran a Rede OcioGune de investigación en ocio.

Entre as actividades programadas destacan os tempos de diálogo Cidades, educación e transición socioecolóxica ante a emerxencia climática, que modera o catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride e Educar nas cidades: lecer e sostibilidade, que modera o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña. O espazo dedicado a experiencias vinculadas a Cidades sostibles e cambio climático será moderado polo profesor da USC Pablo Meira. Así mesmo falará de Sentido do lecer ao longo da vida o catedrático emérito da Universidade de Deusto Manuel Cuenca Cabeza.

Traballo en rede

Na programación tamén se contemplan espazos de traballo e encontro para as persoas e grupos que conforman a Rede OcioGune, que foi creada no ano 2009 sendo recoñecida como Rede de Excelencia investigadora e que vincula as súas propostas formativas, científicas e de transferencia de coñecemento á investigación e innovación en educación do ocio, cidadanía inclusiva e desenvolvemento humano, integrando grupos de investigación das Universidades de Barcelona, Burgos, Deusto, A Rioxa, Pablo de Olavide, Santiago de Compostela e a Nacional de Educación a Distancia. A eles engádense tres equipos colaboradores das Universidades da Coruña, Autónoma de Madrid e Ramón Llull.

A Rede busca conciliar a especialización do persoal docente e investigador e dos seus equipos coa polivalencia e a transversalidade inherentes á investigación e innovación no lecer, a educación inclusiva, os dereitos da cidadanía e o desenvolvemento humano, individual e colectivamente. Desde o ano 2023 a súa presidenta é a profesora Belén Caballo Villar, do equipo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES