
A formación en liña iníciase os tres días ás 16.30 horas. Comeza o martes 24 coa conferencia Achegas da economía feminista: Traballo, usos do tempo e coidados, a cargo de Eva María Aguayo, do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX). O mércores 25 a charla será sobre A sostibilidade na toma de decisions na empresa e na administración, por María Luz Loureiro, do grupo ECOBAS, e o xoves 26 de setembro será a quenda de Bibiana Martínez, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), coa intervención Analizando a economía circular dende o prisma da economía feminista. Sustentabilidade e coidados.
Feira expositiva
Finalmente, o venres 27 de setembro terá lugar a Feira presencial no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, que será inaugurado ás 10.00 horas pola delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Rodríguez, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas. A feira estará aberta ata as 18.00 horas.
Ás 10.15 horas as influencers galegas Leticia Miraz e Sara Seco participan nunha mesa redonda titulada Mostrar a realidade das mulleres e traer á escena esa estructura desigual que enfrontamos. Xa ás 11.00 horas comeza a mesa Igualdade, sexualidade e vínculos afectivos desde una perspectiva feminista e psicosexolóxica coa participación da experta en igualdade e xénero Priscila Retamozo e a psicóloga Lucía Álvarez.
Deseguido terá lugar unha mesa de experiencias de proxectos como Designthinking.gal, Maker Faire Galicia ou VermisLAB, baseados en sacar rendemento a equipos feministas e aproveitar a riqueza dos diferentes puntos de vista de grupos con ampla diversidade de pensamento e traballo. Participan nela o formador Marcos Saavedra e a docente en pensamento creativo Paz Picallo. A sesión matinal rematará cunha dinámica grupal na que participarán todas as relatoras, as representantes das casetas da feira e o público para coñecer os seus proxectos emprendedores.
A última actividade é unha conversa, ás 17.00 horas, sobre a invisibilidade do traballo de coidados, na que tomarán parte a xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Isabel Sánchez, e a profesora de Antropoloxía Social e Cultural da USC Guadalupe Jiménez. Presidirán a clausura ás 18.00 horas o reitor Antonio López e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Economías feminista e dos coidados
A economía feminista é un enfoque crítico que examina como as relacións de xénero e as desigualdades inflúen na economía e avoga por políticas que promovan a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Destaca a importancia de recoñecer e valorar o traballo non remunerado, como o traballo doméstico e de coidado, realizado principalmente por mulleres e propón medidas como a equidade salarial, o acceso igualitario a oportunidades económicas, o recoñecemento do traballo doméstico e de coidado, e a redistribución do traballo e o poder na economía.
Pola súa banda, a economía do coidado céntrase no estudo e a valoración do traballo de coidado non remunerado, que inclúe o coidado de nenos, persoas maiores, enfermos e tarefas domésticas. Partindo de que o traballo de coidado é fundamental para o benestar humano e o funcionamento da economía, xa que sostén e reproduce a forza laboral, destaca como as desigualdades de xénero e socioeconómicas afectan a distribución deste traballo, cunha carga desproporcionada que recae sobre as mulleres e as comunidades marxinadas. Para combater esta desigualdade, propón políticas para valorar e redistribuír equitativamente o traballo de coidado, como servizos de coidado alcanzables e accesibles, políticas de licenza parental remunerada, e apoio a coidadores informais.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.