
Orgullosos e orgullosas do camiño percorrido, a institución académica viguesa celebrou este xoves este 30 aniversario. Fíxoo nun acto celebrado no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e no que se contou tamén coa participación do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e da tenente de alcalde do Concello de Vigo, Ana Mejías, así como a actual directora do centro, a profesora Sandra Bolaño. Arroupados por numerosos membros da comunidade universitaria, tanto de profesionais en activo como das moitas persoas que ao longo destes anos puxeron o seu gran de area para converter aquela idea inicial no que é hoxe, todas e todos salientaron o carácter pioneiro deste centro, ao que lle desexaron, longa vida, e un máis que prometedor futuro.
Coa creación deste centro a UVigo apostou por algo distinto do que había naquela na universidade española, foi unha aposta clara por unha universidade investigadora, algo que naquel momento non era tan habitual, salientou Reigosa, quen lembrou o papel crucial que tiveron nese intre o reitor Luis Espada, e o seu vicerreitor de Investigación, o profesor Federico Vilas. Tiñan unha idea clara e foron adiante con ela, salientou o actual reitor, quen destacou e agradeceu o enorme compromiso do persoal deste centro, auténticos apaixonados do seu traballo. Nesta liña, tamén salientou que unha boa parte do éxito que estamos tendo na captación de fondos europeos, xunto co ascenso no número de publicacións internacionais, ten que ver co CACTI, unha ferramenta á que se referiu como indispensable, útil e que nos permite competir.
Listos para axudar a resolver os principais retos da sociedade
Tras a intervención das autoridades o acto arrancou coa proxección dun vídeo no que se lembraron os inicios do centro, se puxeron cifras e verbas á súa realidade actual e se formularon os principais retos de futuro. Creado coa vocación de proporcionar apoio científico e tecnolóxico tanto aos membros da comunidade universitaria como a calquera outro organismo público ou privado de investigación, o CACTI, primeiro centro deste tipo no SUG, arrancou na primavera de 1994 con dous únicos servizos (Análise instrumental e Espectroscopía Molecular e Técnicas Radioquímicas) e un cadro de persoal técnico composto por seis persoas.
Co tempo, tal e como se lembrou nun vídeo proxectado no acto, as instalacións do edificio Filomena Dato foron quedando pequenas e no 2016 trasladáronse a un novo espazo, o edificio Olimpia Valencia, onde se triplicou o espazo e a superficie de laboratorios. Ali traballan na actualidade unha trintena de técnicas e técnicos, divididos entre a sede de Vigo, a de maior tamaño, e a de Ourense, no edificio administrativo do Campus Auga. Ofrécense en total sete servizos e entre os seus clientes habituais, están o resto de universidade públicas, tando de España como de Portugal; centros tecnolóxicos como o CTAG, Aimen ou Anfaco-Cecopesca e empresas como Seat, Naturgy, Borgwarner, Mapfre ou o Grupo Zelnova (Zeltia).
Nos diferentes servizos do CACTI analízanse un amplo abano de mostras, produtos e materiais que van desde as diferentes aplicacións da biotecnoloxía, economía circular, biorremediación, microplásticos, alimentos, enerxías renovables, caracterización de compostos químicos, análise de ADN e ARN, biosensores, control de calidade
Resaltando o feito de que nos vindeiros anos a investigación será a clave do desenvolvemento dos países, desde o centro destacouse o feito de que se tratarán de acometer retos como o estudo dos efectos do quecemento global, as estratexias fronte as pandemias ou o cambio das fontes de enerxía.
Mesa redonda e homenaxe ao persoal co que arrancou o centro
Tras a apertura do acto tivo lugar unha mesa redonda na que se analizou en detalle o papel dos centros de apoio á investigación nas universidades públicas. Presentada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, contouse coa participación de quen foi a primeira directora do CACTI, a profesora, hoxe xubilada, Betty León, quen lembrou a posta en marcha e os primeiros anos deste centro. Xunto a ela, compartiron espazo o director do Servizo Interdepartamental de Investigación, da Universidad Autónoma de Madrid; José A. Costoya Puente, director científico da Área de Infraestruturas de Investigación, da Universidade de Santiago de Compostela, e Gerardo Fernández Martínez, director dos servizos de Apoio á Investigación, da Universidade da Coruña.
O acto de celebración do 30 aniversario rematou cun recoñecemento o labor do persoal técnico co que arrancou o centro: Manuel Marcos García, do Servizo de Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica; Carmen Serra Rodríguez, do Servizo de Nanotecnoloxía e Análise de Superficies; Jorge Millos Alfeirán, do Servizo de Seguridade Alimentaria de Desenvolvemento Sostible; Fernando González Muíños, do Servizo de Asistencia Técnica e Calibración, Satycel, e Antonio Souto Casas, do Taller de Mecanizado.
Unha vez rematado o acto as persoas asistentes desprazáronse ata as instalación do CACTI, onde compartiron uns petiscos nos que houbo oco para as lembranzas e as anécdotas.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.