Notas de prensa

A UVigo participa nun estudo que resolve un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos

Un equipo internacional de científicos, entre os que se atopa o investigador Gianluca Marino, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, acaba de descubrir que un período cálido prolongado no Atlántico norte provocou hai uns 400.000 anos o desxeo en Groenlandia, o que fixo que o nivel do mar subise máis de dez metros por riba do actual. O estudo, publicado na revista Nature Communications, resolve un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos.

Na primeira metade do século XX, o matemático serbio Milutin Milanković postulou unha teoría para explicar os ciclos das idades do xeo. Sostiña que estes se derivan de cambios a longo prazo na radiación recibida do Sol no verán. Así, unha radiación solar de verán máis forte derrete as grandes capas de xeo formadas en América do norte e Eurasia durante unha era glacial, causando climas cálidos similares ao presente, nos cales o xeo só se atopaba en Groenlandia e na Antártida. Pero hai 400.000 anos, a maior parte do xeo de Groenlandia desapareceu a pesar de que a radiación solar de verán era débil, o que desconcertou a comunidade científica e aparentemente refutou a teoría de Milanković.

Para Gianluca Marino “comprender as causas do intervalo cálido que ocorreu hai 400.000 anos, coñecido como o estadio isotópico mariño 11, é clave para entender os ciclos das eras glaciais”. A teoría de Milanković, “na súa formulación máis estrita, non logra explicar por que o clima se quentou tanto e o xeo de Groenlandia desapareceu case por completo, cando a radiación solar era tan débil”, engade.

Colaboración internacional

O equipo científico que buscou unha explicación a este fenómeno estivo formado por institucións académicas punteiras de Asia, Europa e Australia e liderado polo doutor Hsun-Ming Hu, investigador no grupo do profesor River Shen, na Universidade Nacional de Taiwán, onde dominan unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos cunha precisión sen igual ata hai 600.000 anos.

Gianluca Marino explica que colaboración comezou cando o autor principal, o doutor Hsun-Ming Hu, daquela estudante predoutoral no Departamento de Ciencias da Terra da Universidade Nacional de Taiwán baixo a dirección do profesor Chuan-Chou Shen, “contactou comigo porque coñecía o meu traballo e quería empregar algúns métodos estatísticos e interpretativos que se empregan no Palaeoclimatology Lab do CIM no seu proxecto centrado nos espeleotemas da cova de Bàsura en Liguria, no noroeste de Italia”.

O equipo aplicou esta técnica aos espeleotemas e determinaron que as latitudes medias se quentaron, aínda que moderadamente, moito antes de hai 400.000 anos e levaron calor cara Groenlandia durante 15.000 anos a través dun sistema de correntes oceánicas coñecido como “circulación de retorno meridional do Atlántico”, AMOC, polas súas siglas en inglés. Este sistema de correntes inclúe un fluxo de auga cálida que transfire calor cara as altas latitudes no Atlántico norte e opera hoxe en día mantendo o oeste de Iberia máis cálidas do esperado para as súas latitudes.

Como detalla o investigador do CIM, “achamos que o transporte de calor cara as altas latitudes do Atlántico norte polas correntes oceánicas mantivo as temperaturas cálidas, desestabilizando lentamente a capa de xeo de Groenlandia ata case desaparecer. Este mecanismo fora pasado por alto ata o de agora”.

No que se refire ao seu papel neste proxecto, Marino explica que achegou o seu coñecemento sobre o papel do océano no cambio (paleo)climático e traballando en colaboración con Hsun-Ming Hu. “Principalmente contribuín cunha análise cuantitativa dos datos e compartín o coñecemento adquirido sobre os ciclos das idades do xeo durante proxectos anteriores. A análise cuantitativa dos datos, xunto coas técnicas analíticas de vangarda, son aspectos clave do traballo”.

Un avance para predicir o clima futuro

“O clima hai aproximadamente 400.000 anos era bastante similar ao noso clima preindustrial”, detalla Marino, polo tanto, o derretemento case completo da capa de xeo de Groenlandia que ocorreu entón podería definitivamente repetirse”. Por este motivo, segundo o científico do CIM, “este intervalo é crucial para a comunidade climática”. Con todo, tamén recoñece que hai un aspecto que considera “aínda máis relevante” e que debería interesar á comunidade de modelado climático, xa que “se logran simular o derretemento total de Groenlandia, incluíndo todas as condicións e procesos que destacamos no noso estudo, entón poderemos ter unha maior confianza en como eses mesmos modelos predín o clima futuro”.

Gianluca Marino quere continuar co traballo realizado. “A idea é examinar detidamente estes destacados episodios de cambio climático co mesmo nivel de detalle, ou mesmo mellor, que o logrado neste estudo. Isto permitiranos descifrar os procesos que controlan os ciclos das idades de xeo, así como o papel da radiación solar, a circulación oceánica e o ciclo do carbono”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-07-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES