
O workshop centrouse na aplicación de técnicas e procedementos de intelixencia artificial en diversos aspectos relacionados coa bioinformática. Entre os temas que se abordaron inclúense a identificación de biomarcadores, indicadores da presenza de determinadas alteracións etiopatoxénicas, a procura de candidatos a fármacos baseados nas moléculas diana e as condicións da contorna, aplicacións en diferentes patoloxías, así como o uso de IA e computación en diversas contornas, modelos bioinspirados e a seguridade na adquisición e xestión de datos. En total, tiveron lugar 17 conferencias durante a xornada da mañá, celebrada no CITIC, e 4 workshops que se realizaron na Facultade de Informática da UDC.
Entre os relatorios destaca a presentación do proxecto RISKEXPO por parte do investigador do CITIC Alejandro Pazos e Natia Tamarashvili. No seu relatorio explicaron a elaboración dun proxecto para presentar nalgunha convocatoria da UE ou do NIH (National Institutes of Health, USA) relacionada coa enfermidade gastrointestinal e o cancro colorrectal. A hipótese de partida é que a dieta, e os materiais utilizados para a conservación dos alimentos poden influír no desenvolvemento de enfermidades gastrointestinais, incluíndo o cancro colorrectal. A través da proposta dos investigadores, búscase identificar moléculas que poidan transferirse dos envoltorios aos alimentos e que sexan responsables destas patoloxías, co fin de propoñer regulacións ás autoridades competentes.
Pola súa banda, o grupo Biofarma da USC falou sobre unha técnica innovadora utilizada no desenvolvemento de medicamentos chamada "cell painting". Este método utiliza tinguiduras celulares e análises de imaxes para avaliar os efectos de compostos químicos nas células, permitindo predicir de maneira temperá os efectos terapéuticos e tóxicos dos candidatos a fármacos. Discutíronse os principios básicos, vantaxes e exemplos de aplicación, así como os retos e as perspectivas futuras desta técnica na investigación farmacéutica.
Así mesmo, o grupo de investigadores de IKERDATA-UPV/EHU centrou a súa intervención en modelos avanzados de predición aplicados ao desenvolvemento de fármacos. Estes modelos permiten predicir a entrega de fármacos a través de nanosistemas, avaliar a súa seguridade e eficacia, e predicir a actividade dos fármacos en diferentes rexións do cerebro, crucial para tratamentos neurolóxicos precisos. Ademais, expuxeron modelos para o deseño de antibióticos personalizados e o descubrimento de fármacos antiparasitarios, destacando o papel crucial dos modelos preditivos e a intelixencia artificial na investigación farmacéutica moderna.
O XII workshop internacional de IA aspira a converterse nunha plataforma de gran valor para o intercambio de coñecementos e a xeración de novas ideas no campo da bioinformática e a intelixencia artificial, fomentando a colaboración internacional e o avance na investigación biomédica.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.