Notas de prensa

Preto de 200 investigadores e investigadoras participarán na 7ª edición do CINBIO Annual Meeting

O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, ultima os preparativos da VII edición do seu Annual Meeting, que terá lugar os días 18 e 19 de xullo, co obxectivo de reunir anualmente a científicos e científicas de todo o mundo para compartir a súa experiencia e poder actualizarse nos últimos avances en Química, Bioloxía, Medicina e saúde.

O comité organizador está composto por nove investigadoras e investigadores e catro técnicas do CINBIO, entre eles Carlos Renero, quen explica que “a finalidade deste congreso é que estudantes de doutoramento participen amosando o seu traballo a través de relatorios e sesións de pósters, ao tempo que persoal investigador nacional e internacional de contrastado prestixio, dá a coñecer os últimos avances nas súas investigacións”. Pola súa banda, Mercedes Peleteiro, responsable do servizo de citometría do CINBIO, e tamén integrante da organización da reunión, describe o evento como “unha oportunidade única de promover as sinerxías entre investigadoras e investigadores asistentes de todos os centros, xa que o encontro pretende facilitar o intercambio de ideas e a posibilidade de colaboracións”.

Unha das novidades desta nova edición é a participación de responsables do Cacti, o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación da Universidade de Vigo, co obxectivo de “dar a coñecer as liñas de investigación que desenvolven os grupos do Cacti, así como mostrar a variedade dos servizos que ofertan”, sinala desde o comité de organización, Andrea Hernández, técnica do CINBIO.

Arredor de 180 asistentes e 10 conferenciantes convidados

A xuntanza celebrarase no edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo, estimándose unha participación de arredor de 180 persoas, a maioría pertencentes á Universidade de Vigo (sobre todo do CINBIO) pero tamén doutros centros de investigación de Vigo (IEO-CSIC, IISGS) e outras institucións de Galicia (USC, IDIS, UDC); así como de Portugal (INL, Universidade de Minho, Universidade de Porto).

Aínda que o programa non está pechado, si está confirmada a lista de relatoras e relatores convidados: un total de dez especialistas procedentes de Alemaña, Suíza, Francia e outros puntos de España. Abrirá os relatorios Jochen Feldmann, profesor e experto en fotónica e opto electrónica na Universidade Ludwig Maximilians de Múnich. Na mesma mañá tamén intervirán Arkaitz Carracedo, investigador no CIC bioGUNE e Jeff Mold, do Instituto Karolinska (Suecia) coas súas presentacións arredor da súa investigación en torno ao cáncer. A media mañá será a quenda da investigadora María Guix, experta en nanotecnoloxía na Universidade de Barcelona, seguirá Emiliano Cortés, investigador en nanomateriais tamén na Universidade Ludwig Maximilians de Múnich e pechará a primeira xornada Marisol Soengas, investigadora do CNIO.

No segundo día os relatorios iniciaranse con Xosé Bustelo, director do Centro de Investigación do Cáncer de Salamanca, para continuar con Félix Freire investigador no departamento de Química Orgánica do CIQUS (Universidade de Santiago). A xornada continuará coa ponencia de Encarnita Mariotti-Ferrandiz, especialista en inmunoloxía e investigadora na Universidade da Sorbona (Francia) para pechar o encontro con Antonio Reboreda, neurocientífico no Insituto Leibniz de neurobioloxía (Alemaña).

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES