Notas de prensa

Un encontro organizado polo IGFAE achega a máis dun cento de asistentes as contribucións da ciencia de datos á sociedade

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolleu o encontro 'Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society', organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Neste evento, máis dun cento de persoas puideron coñecer como a ciencia de datos, unha disciplina que está a experimentar un notable crecemento nos últimos anos, achega un grande abano de solucións á sociedade en todo tipo de aplicacións diarias.

O encontro comezou o pasado luns, coa escola ‘Data Science in Fundamental Physics’, na que máis de 60 estudantes -principalmente de mestrado e doutoramento en Física, Matemáticas ou Enxeñaría Informática- coñeceron diversas claves no manexo de probabilidade, estatística e aprendizaxe automática da man dos docentes Glen Cowan, da Universidade de Londres, e Pietro Vischia, da Universidade de Oviedo.

A escola deu paso estes días a un simposio no que participaron representantes de 20 empresas e institucións que usan a ciencia de datos no seu traballo diario, desde moi diversas perspectivas e aplicacións. O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo, abriu este evento, acompañado polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, Nicolás Vázquez, o director do IGFAE, Carlos Salgado, e o presidente do Comité Organizador, Lorenzo Cazón.

Durante as dúas xornadas de simposio, os e as poñentes achegaron como o manexo de grandes de cantidades de información contribúe a mellorar os servizos á sociedade en aspectos como a predición meteorolóxica, industria naval ou téxtil, loxística, sanidade, investigación xenómica, contaminación atmosférica, aprendizaxe automática, loxística, agricultura ou gandería.

Neste sentido, o simposio serviu tamén como espazo de encontro entre academia e industria, diante da crecente demanda de alumnado e persoal investigador de disciplinas STEM en empregos relacionados coa ciencia de datos. Igualmente, tendéronse pontes de colaboración co mundo da empresa, co obxectivo de explorar proxectos conxuntos e outras oportunidades de financiamento.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación creado en 1999, co obxectivo de fomentar e coordinar a investigación científica e técnica no campo da física de altas enerxías, astropartículas e nuclear. O seu persoal participa nalgunhas das colaboracións científicas máis importantes do mundo. Actualmente, o seu equipo está composto por unhas 130 persoas.

O traballo científico do IGFAE foi recoñecido, en dúas ocasións, coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. O centro tamén forma parte da Rede de Centros de Excelencia da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-06-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES